Santo Antonio Machado

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

13 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nalgúns ámbitos literarios de España e de fóra plumas non escasas gaban e glosan a personalidade do escritor Antonio Machado Ruiz, nado en 1875 e morto en Collioure (Francia) o 22 de febreiro de 1939. Neste octoxésimo cabodano as gabanzas e as glosas non só se centran na personalidade literaria de don Antonio, senón na súa nobre e xenerosa condición cívica, decote comprometida coa res publica e coa filantropía. Sempre foi así entre os estudosos e os letraferidos de Antonio Machado.

Nas vésperas do presente cabodano a Colección Visor de Poesía (Madrid) publicou o volume Estos días azules y este sol de la infancia. Poemas para Antonio Machado. Trátase do número mil da ilustre e farturenta colección poética, case un milagre nas terras hispanas neste tipo de bibliografía literaria. Colaboran neste volume conmemorativo oitenta e cinco poetas entre españois e hispanoamericanos (hai unha voz romanesa, Ioana Gruia), todos instados polo director da colección, Jesús García Sánchez. Galicia, cun poema de Manuel Rivas (en edición bilingüe), está ben representada, pero dun xeito moi exiguo. Non escasean entre nós os poetas machadófilos de moita entidade, pois aínda viven e escriben algúns dos que eu escolmei, no ano 2004, no volume 23 poetas cantan a don Antonio Machado, entre eles o grande Arcadio López Casanova.

O labor proposto a tantos e tantas poetas foi unha glosa ao último verso que escribiu don Antonio, xa no exilio francés, o alexandrino «Estos días azules y este sol de la infancia». Non todos, na súa homenaxe -de encarga, pero sincera- glosaron o histórico verso; algúns, por exemplo, partiron de versos menos enigmáticos como este do Retrato: «Me encontraréis a bordo ligero de equipaje».

Hai cinco anos, un importante poeta noso, Xoán Xosé Fernández Abella, escribiu un magnífico soneto A don Antonio Machado (en alexandrinos!) que se abre cunha glosa do verso testamentario: «Estos días azules y este sol de la infancia / tu último verso, lejos de España destruida, / por la noche del odio de guerra fratricida, / noche de la locura y de la intolerancia». No primeiro terceto desta conmovida composición soan palabras proféticas de don Antonio: «Cuando a ti llegó “el día del último viaje” / cumpliendo lo expresado en tu inmortal Retrato, / entraste ya en lo eterno “ligero de equipaje”». Teño a fundada esperanza de que tan axeitado soneto enriqueza a cuarta edición deste frondoso volume conmemorativo en homenaxe a santo Antonio Machado, haxiónimo que non é meu senón dun erudito machadófilo galego chamado José Landeira Yrago (1922-1995).