Aquel inverno foi amargo en Verín. Choveu corenta días e corenta noites sen parar. Corrían os primeiros anos do milenio, 2003 ou 2004. Todo gris. Nubes, nubes, nubes. As xentes quedaban na casa e comían en exceso. Nunca houbo tal número de matanzas nin tantos encargos nos locais de abastecemento cárnico ou mariño. Daquela triunfaba Maná, o grupo mexicano, e a súa Mariposa traicionera. El, que era un gran cantor, murmuraba día e noite: «Ay, mariposa de amor, mi mariposa de amor, ya no regreso contigo». Un fan auténtico. Porén as cancións non o libraron de engordar dez ou quince quilos. Nin a el nin á maioría dos verineses. Foi un andazo de gordura que nin os máis reputados galenos foron quen de remediar. Ata que dúas mulleres da vila deron coa solución: marchar de vacacións ao Mediterráneo, dieta mediterránea, mar Mediterráneo. O Mediterráneo, é ben sabido, adelgaza máis que o Atlántico. Colleron o avión e en dúas horas estaban en Alacante. El, o cantor, formaba parte dun dos matrimonios verineses no Levante. Ao principio soportou o ritmo frugal da gastronomía lixeira; logo, empezou a sufrir pesadelos de todo tipo. Elas, a comer ensaladas; el, pasando fame. O seu amigo quería consolalo. «Canta, Gigi», dicíalle. Pero Gigi xa nin cantaba a da Mariposa traicionera. Cinco xornadas foran dabondo para que a súa cabeza deixase de funcionar correctamente. Entre as azaleas vía cabritos asados; nas palmeiras, xamóns; baixo as queirugas, chuletóns de tenreira frieiresa. Pero iso non foi o peor. Unha noite, cando volvían ao hotel, chegou o delirio. El insistiu con Maná. Cantou: «Ay, mariposa de amor, mi mariposa de amor, ya no ‘‘requeso’’ contigo». Ao día seguinte volveron a Verín.