A quen lle importa o Amazonas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

02 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Curiosamente, a Emmanuel Macron deberon botarlle droga no Colacao. Di Greenpeace que, desde 1970, perdeuse na Amazonia unha superficie forestal máis grande ca Francia. Así que, como agora se pode medir a catástrofe en Francias, Macron séntese quen de intervir. Alguén debeu dicirlle tamén que pasarse de deforestación afecta aos intereses económicos de Francia, como todos os países ricos que prefiren contaminar fóra do seu territorio e miran para outro lado cando importan as carísimas madeiras da selva para decorar as casas de revista dos ricachos para os que Macron eliminou o imposto sobre a fortuna. Non se pode ser ultraliberal e ir de ecoloxista por un día, cando é o capitalismo feroz o que causa o cambio climático. Por sorte, este vai matar por igual a ricos franceses e a pobres africanos.

Antes de que Macron se decatase, incluso antes de que un fascista como Bolsonaro se propuxese acabar co Amazonas persoalmente, xa se devastaban alí miles de hectáreas do bosque grazas ao que respiramos. Non falemos xa de que se preocupasen, no entanto, do exterminio dos yanomamis, da proliferación dos cultivos transxénicos nas áreas devastadas, da proxección de encoros nas cuncas deses ríos ou do emprego da escravitude para o traballo na selva. Todo iso pasaba antes de que Macron vise no Instagram a cariña triste que alguén puxo coa foto do Amazonas ardendo.

O día que, por destruír a Amazonia, a Unión Europea aplique ao Brasil sancións coma as que lle aplica a Irán por xogar con armas, creremos os discursos grandilocuentes que tan ben quedan no Twitter. Xa non digamos todo o que pode facer un goberno voluntarioso coas empresas que contaminan, escravizan ou trafican, que aquí tamén hai, por certo.