Calidade europea, prezos asiáticos?

OPINIÓN

19 sep 2019 . Actualizado a las 13:08 h.

Por que fabricar medicamentos en España, ou no contorno europeo, cando podemos traelos de países do Leste ou de Asia a prezos irrisorios, como viña facendo ata hai pouco Andalucía, con poxas temerarias? Se despois os adxudicatarios non son capaces de subministrar as cantidades esixidas (Andalucía era líder en desabastecementos), ou se aparecen residuos canceríxenos en fármacos indios contra a hipertensión (Valsartán)… non pasa nada. E xa non digamos se hai unha confusión entre un medicamento indio contra o refluxo gástrico (omeprazol) e un crecepelo (minoxidilo)… Síndrome do home lobo en bebés servido, como ocorre estes días.

A proposta lanzada pola Federación Empresarial de Farmacéuticos Españoles (FEFE) de establecer un prezo mínimo de 3 euros para un envase de medicinas que serve, de media, para 30 días de tratamento parece razoable. Falamos das medicinas financiados pola Seguridade Social, pois o prezo das non financiadas -laxantes, antigripais, disfunción eréctil...- vén marcado máis polas leis da libre competencia.

A proposta dos 3 euros non é orixinal; as distribuidoras farmacéuticas (Cofares, Cofaga, Cofano…) hai anos que sabían da ruína que representaba transportar un envase de Lexatín 1,5 mg, con prezo de venda ao público (PVP) de 1,07 euros, desde un almacén de Betanzos ata unha farmacia en Viana do Bolo, ou desde Vigo a Mesía. Temos -hai que dicilo- un sector farmacéutico cunha loxística extraordinariamente eficiente, desde moito antes de que aparecese Amazon. Pero ese dumping obrigado pola Administración, con miles de medicamentos a menos de 2 e incluso de 1 euro, como sucede hoxe, ten un límite. Os medios informan hoxe de que 1.300 farmacias en España reciben axudas económicas para sobrevivir e que unha farmacia en Lobeira (Ourense) está a punto de pechar.

Esta situación non é usual no noso contorno europeo: en Alemaña, Francia, Italia, os Países Baixos... o sistema sanitario é tamén publico, pero alí non atopamos medicamentos con PVP de 0,67 euros (paracetamol 500 mg, 20 comprimidos), como sucede hoxe aquí.

Cómpre estar alerta, como indicaba hai pouco Fernando Lamata, experto en planificación sanitaria, ante os novos medicamentos, como Zolgensma, contra a atrofia muscular espiñal, que custa 2,1 millóns de euros por tratamento. Pero non se deben confundir estes medicamentos hospitalarios, de prezo desorbitado, cos medicamentos de venda en farmacia, cuxo sistema de fixación de prezos en España debe revisarse, para que permita manter o sistema sanitario público con medicamentos de procedencia garantida e de calidade. Avisado queda!