Plácido Domingo en Bruxelas

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Luis Sinco | Europa Press

15 ago 2019 . Actualizado a las 10:53 h.

Vaia por diante a presunción de inocencia. Como vai por diante que case que todas as acusacións deste estilo son verdadeiras, como ben saben os de Vox e outros negacionistas destes asuntos da violencia machista que non chegan ao 1 % as denuncias falsas. Igual esta non o é. Saberémolo en nada.

Pasei nove días percorrendo Bélxica e Holanda. Varios, en Bruxelas. Saíndo da Gare Central, a estación que conecta a capital de Europa co mundo, sen que o esperes, de súpeto, na primeira parada aparece un barrio con locais de nomes ben diáfanos (Pracer, Las Vegas, Girls…) cheos de escaparates. Dentro, tres mulleres por escaparate en bragas e axustador. Moitos ligueiros. Todas sudamericanas e de países do Leste (este dato é interesante para quen defende a prostitución como un exercicio «libre»; a iso só se pode dedicar quen é soberanamente pobre ou está atrapado, como é o caso en Bruxelas ou Amsterdam, polas mafias violentas da trata de, neste caso, negras). Ti estás no tren, alí parado no primeiro apeadoiro, e o que ves é grupos de homes (só homes, sempre en grupo, sempre en manda) parados diante delas, que se exhiben. Eles rin. Podes imaxinar as sandeces que sairán por esas bocas. Xesticulan con obscenidade. Alguén ao meu carón coméntame que é típico que as despedidas de solteiros rematen alí. Escaparate. Carne feminina. Mercadoría.

Conecto o móbil cando volve arrincar o tren e leo o comunicado de Plácido Domingo. Hai unha pasaxe que é reveladora: di que antes «as regras e os valores eran outros». Ou dito doutra maneira: que antes se entendía como normal que un señor apalpase a unha actriz que empezaba, sobre todo se ese señor podía facer que tivese, ou non, unha exitosa carreira artística. Que antes se entendían como normais ofrecementos máis ou menos implícitos en plan «ou pasas pola miña cama, cariño, ou igual non te chaman para ese traballo polo que tanto suspiras».

Trabúcase Plácido Domingo emitindo un comunicado así, que dá como a entender que el facía o que facía porque antes non se lle daba importancia. Que insistirlle a unha subordinada para cear non é para tanto. Que abrazala porque si, tampouco. Trabúcase porque nunca foi normal. Agás para quen exerce así o seu poder. Ou en todo caso é tan normal como ter escravizadas mulleres dentro dun escaparate (para que se fagan unha idea: para pagar o alugueiro dese escaparate aos empresarios deben facer unha media de 16 servizos diarios).

Todo iso nunca foi normal. Nin no corazón de Europa nin no prestixioso escenario da ópera máis importante do mundo.