A historia repítese

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

15 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Boletín Oficial do Estado poucas veces emociona. Porén, hai uns días, a lectura dun simple listado de nomes publicado no BOE, sen máis retórica, emocionou a case todo o mundo. Aclaro: ese «case» refírese aos fascistas que aínda cren que os españois deportados ao campo de concentración de Mauthausen acabaron alí porque o merecían, pero a emoción compareceu en todo aquel que teña un mínimo coñecemento dos feitos históricos: milleiros de persoas que se refuxiaron en Francia no 39 foron abandonadas polo Estado español, que lles retirou a nacionalidade e pactou co Goberno colaboracionista a súa deportación á Alemaña nazi, para envialos a campos de exterminio como Mauthausen, Auschwitz ou Ravensbrück, como relata a galega Mercedes Núñez nos seus dous libros de memorias. Que se publiquen eses nomes no BOE implica que o Estado, por fin, asume a responsabilidade sobre a sorte desas persoas represaliadas durante corenta e dous anos máis trala morte do ditador.

Conta Paco Roca no seu cómic Los surcos del azar a historia dalgúns deses refuxiados que fuxiron nun barco, o Stanbruck, que rescatou a milleiros de republicanos e botou máis dun mes fronte ás costas do norte de África agardando un compromiso de seguridade para que esas persoas puideran baixar, en realidade, a un camiño de morte e tortura nos campos de Orán. Non fai falla botarlle imaxinación para albiscar o paralelismo con casos como o do Open Arms ou o Aquarius, barcos cheos de refuxiados de guerra que non poden pór os pés en terra porque a desmemoria e a ultradereita xa os condenaron. Son as rimas da Historia, causadas por unha Transición baseada no esquecemento en lugar da memoria, e nunha chea de mentiras.