Alégrateme

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

15 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Afirma o meu sabio compadre Serafín Vázquez, filólogo clásico e románico, que o galego é o único idioma capaz de soportar dous, tres, catro pronomes enclíticos. Ningunha outra lingua posúe tal virtude. A nosa, si. Porque o galego é idioma prodixioso. E tamén cálido, agarimoso e afable. De aí os dativos de solidariedade e interese. Por iso podemos escribir o título desta columna, insistir nel e repetilo en anáfora. Hoxe, precisamente, día propio de cariños e amabilidades: alégrateme. Alégrateme fronte ás ondas da desesperanza ou da dor. Fronte ao desespero, quero dicir, alégrateme. Alégrateme contra o pensamento único: presumindo dos distintos e diferentes e diferenciados. En minoría, aínda que o mundo ansíe levarte por outras sendas e fragas sen Esmelle, lugar onde o anano de Belvís saltaba a cor de todos os soños. Alégrateme en risa e sen présa, detidamente, degustando o sabor dun viño lento e fresco. Alégrateme entre ríos, neste país onde os ríos son máis de mil e as praias non saben a sal, senón a cabaliños de mar e ameixa. Alégrateme en monte, terra adentro, na procura do tempo perdido: a infancia, sitio onde en verdade somos. Alégrateme na chuvia que non vai volver nunca máis, nunca, a aniñar no teu cabelo o seu niño de sombras e frío. E alégrateme porque hai razóns e causas e mil motivos para levantar a cabeza e, de paso, o corazón. Oportunidades para namorarte e ser namorado. Para ler o libro da vida que por fin fale de ti. Para abrazar aos que non están, aínda que sexa de noite, atoutiñando a súa pel, soñándoos. Hai motivos este xoves, Santa María e mamá no fondo dos meus ollos, chorándome. Pero non. Non. Alégrateme este quince. Este agosto, alégrateme.