Querer facer

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

09 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Maruxa colleu as teas para facerse un abrigo de cor vermella. De súpeto, a súa cara iluminouse coa ilusión de voltar á súa máquina de coser e crear o que xa levaba tempo rumiando. Estabamos na casa de Charo, unha muller que me cambiou a vida, á que coñecín no 1999 cando un grupo de deseñadores galegos me chamaran para tocar nunha Pasarela Gaudí adicada á moda galega. Na miña vida houbo un antes e un despois de coñecer a Charo, unha forza da natureza que durante anos marcara a diferenza coas súas coleccións. A súa firma desapareceu hai tempo, pero sempre me inspirou a paixón que sentía pola súa profesión, traballando día e noite para sacar adiante os deseños que soñaba.

Hoxe espertei ás catro da mañá e como non podía durmir, decidín chamar á miña nai. Coa diferenza horaria pensei que xa estaría co xantar, pero a Maruxa dixo «teño que buscar a revista dos patróns para empezar co abrigo para o inverno». Entón comezou a dicir que realmente a ela non lle gustaba coser: «A ver Cris, con catro fillas e os vestidos a 11.000 pesetas, ou cosía ou non había como vestirvos ben». E eu que sempre pensei que coser era a vida creativa da miña nai, que a facía feliz. Non era a súa paixón, era pura supervivencia! Aquela non era unha época de roupa de usar e tirar: eran tempos de facer roupa para que durara, e cando non servía reusar as teas para outra prenda. Economía de supervivencia.

Pero hoxe é diferente. Quere crear algo de seu: un alegre abrigo vermello para o inverno. Quere facer algo útil e creativo co seu tempo. E no medio da nosa conversa sentín a súa ilusión e emocioneime pensando na incrible diferenza que hai entre «ter que facer» e «querer facer».