Ánimo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Hoxe pesa o tempo. Gris: borrasca no noroeste, contundente e agre. Hoxe unha pedra reina en medio do ceo, sobre ti, rotunda e quirófana. Unha canción que non sabes cantar. Un amor que esperas e non chega, nunca chega, non. Pensas en todo o arrebatado, as ocasións perdidas, as oportunidades, as portas abertas, o futuro que quedou atrás. Hoxe o teu ánimo está ao borde do delirio, un pesadelo, un pitbull que aparece e desaparece en medio da noite negra negrísima. Hoxe quedou atrás a felicidade e andas á súa procura. E aí, precisamente, onde non esperabas encontrala está ela, imperturbable, tenra, lixeira, Larios (labios) con cola. Abre a persiana do día e non temas o peor. Meditabas seriamente entre o dilema de regresar ao leito ou de poñer a roupa, agostiña, e saír á rúa. Elixes a segunda opción porque vacacioneas, porque é agosto e non podes quedar todo o día na casa, como na oficina en inverno: unha ofrenda de navallas ás oito en punto da mañá. A túa parella fai o mesmo: levántase, camiña, respira Galicia calidade, pórtico do paraíso. E os teus fillos, tamén: agardando crecer para conquistar un mundo inconquistable. Tamén o rapazote do ático que chegou ás seis da mañá e te espertou ao tirar da cisterna. Chunda chunda, reguetón e panorama con vistas a calquera verbena. E ao saír descubrirás que ela estaba alí, agardando por ti. Ela, tan fráxil e oculta. Ela, a felicidade. Calquera día vas unirte coa alegría na saúde e na enfermidade, riqueza ou pobreza, eternamente. Descubrirás que o sol loce inmenso, sen eclipse, sen néboa ou chuvia (aínda que sexa simplemente un soño dunha noite de verán). A vida é rotundamente fermosa. Ánimo. Todas as borrascas pasan.