J. M. CASAL

«Na súa praia gozamos cun dos mares máis impresionantes desta área costeira galega»

06 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Moi preto de onde vivo está Baldaio. Un espazo natural de grande importancia na contorna. Na súa praia gozamos cun dos mares máis impresionantes desta área costeira galega e cun complexo dunar razoablemente ben conservado que continúa cunha lagoa e unhas marismas. Alí habitan multitude de especies, algunhas delas en serio perigo de desaparición.

O variado e delicado ecosistema que conforma este espazo alberga unha inmensa cantidade de flora autóctona propia das nosas costas e que difire segundo o lugar. Eu gozo desta paraxe e gústame paseala para coñecela máis a fondo. Non son un naturalista, pero respecto a natureza e préstame examinar e aprender cales son as plantas autóctonas, como as herbas de namorar, ou as alóctonas, como a uña de gato, observar os movementos do lagarto arnal ou incluso os dunha víbora seoane e ver como entran e saen da ría, coa oscilación das mareas, gran variedade de peixes que noutrora abondaban moito máis, como o castigadísimo peón de Baldaio, antes omnipresente e hoxe practicamente desaparecido. Ver as lontras como un bo sinal, certificado da calidade das augas, pero o que xa non sei se é tan bo é o aumento da presenza de xabarís polas marismas nos últimos tempos.

As aves son as raíñas, e atopan aquí un moi acolledor espazo para vivir ou hibernar, e pódense ver, con maior ou menor frecuencia, máis de duascentas especies diferentes catalogadas; as limícolas, quizais, son as principais protagonistas, cun inimigo ben definido: o ser humano, coa súa presenza invasora e irrespectuosa. Destacable tamén é o fértil composto creado pola mestura de auga doce e salgada e que dá como resultado unha gran riqueza marisqueira, en especial de prezadísimos berberechos. Por sorte, e grazas tamén a aquela loita veciñal de hai máis de corenta anos, todo isto aínda é unha marabilla pese á devastadora extracción de area noutrora e aos diversos atentados ao medio. Pero atención, nas beiras salgadas desta paraxe natural o plástico empeza a mandar, e ese si que é un perigo letal. Moito ollo!