Onde está o límite

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

03 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A pesar da década transcorrida desde o estoupido da crise, a expresión burbulla inmobiliaria segue tendo unha resonancia ominosa. Cando aconteceu, levabamos tempo advertindo desde estas mesmas páxinas de que aquel frenesí colectivo por investir en pisos non presaxiaba nada bo. Traspasáronse todos os límites e as consecuencias foron aínda peores do que se agoiraba.

Agora asistimos a un fenómeno parecido auspiciado polos excesos do mercado turístico, eses molestos turistas que actúan de forma semellante a nós mesmos cando imos de viaxe. As familias que deben facer fronte a unha hipoteca, ou que non confían nuns bancos que usan os nosos aforros sen darnos ningunha rendibilidade, ou que teñen que liquidar herdanzas imposibles de xestionar, non parecen atopar alternativa mellor que alugar pisos aos transeúntes ou vender para facer hoteis con encanto. A escala minifundista pode ser sustentable, pero sen restrición desaloxa irremediablemente os moradores vernáculos. É un fenómeno global, imparable?

A cuestión é onde está o límite entre un lucro razoable e a especulación, entre o lexítimo goce do benestar e a ostentación. Non sei se a exhibición continuada da riqueza e do éxito ficticio que nos estampan acotío conduce a unha sa emulación, a unha admiración servil ou ao odio. Por riba de nós está o mundo das redes sociais, un campo abonado para os excesos, que ademais se promocionan. Xa é imperativo protexernos fronte aos desaforos dos donos dos big data e da falta de escrúpulos de individuos que agriden desde o anonimato.

A política, unha nobre e imprescindible actividade dedicada a construír en común a democracia, parece estar acadando un teito na decisión da conformación do Goberno. Cal é o límite do pulso entre o Goberno e os líderes estupendos da esquerda do centroesquerda que fan fracasar outra vez o arranque da lexislatura; onde está a contención da locuacidade da oposición conservadora cun vocabulario nada conciliador que impide calquera alternativa. Cando se arrepintan, cando os cidadáns se farten, cando empecen a sufrir as consecuencias electorais?

Este pequeno universo que emerxeu do big bang, un caos impredicible, foi capaz de xerar un límite que conxuga harmonía e enigmas, tanto que neste minúsculo planeta chamado Terra hai vida, e os seus habitantes tenden a socializarse. Poñeremos os humanos límite ao estrago do ecosistema natural ou haberá que consumar o cambio climático coma se fose unha predestinación cósmica?

As sociedades que xogan ao límite rematan en crises que deixan feridas difíciles de reparar nos sectores máis débiles, maior acumulación da riqueza en menos mans e logo unha hiperregulación que limita a actividade humana como castigo. Cabe a reflexión continuada, a acción ponderada, a contención verbal, o diálogo e a concertación nas sociedades democráticas. Aprender a ser libres cada un de nós xunto ás liberdades dos outros.