Canción de verán

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

03 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Moito boto en falta a Georgie Dann nesta época do ano! Tiña formación musical para compoñer cancións de maior calidade, pero debíase a un público que, cada ano, esperaba del a canción do verán; e cumpría. A mediados de xuño aparecía rodeado de rubias e mulatas, cantando e bailando unha canción que che furaba os miolos e xa non a soltabas. Anda que non me teño descuberto eu cantaruxando La barbacoa, El chiringuito ou Mami qué será lo que tiene el negro...

Conste que non é doado facer unha canción de verán. Pedro Sánchez e Pablo Iglesias tentárono durante meses, e Bartomeu, o presidente do Barça, tamén, con Messi, Suárez e Neymar; e fracasaron todos. O dúo Pedro-Pablo, porque ningún dos dous sabe levar a segunda voz e, aínda que teñen bo falsete, andan mal de oído, desafinan e, cando menos o esperas, soltan un galo. No caso do Barça, o coro arxentino-uruguaio-brasileiro-catalán non empasta. O problema é de empaste.

O invento da canción do verán é dos anos sesenta, pero a xente da miña idade recorda composicións musicais da infancia que, por ledas e divertidas, poderían selo cando se deron a coñecer. Como La vaca lechera, que musicou en 1946 o mestre García Morcillo. A letra escribiuna un comisario de policía chamado Jacobo Morcillo, que non era parente seu. Foi nunha viaxe en tren a Galicia cando as vacas pacendo nos prados lle inspiraron versos que na primeira estrofa dicían: «Tengo una vaca lechera, / no es una vaca cualquiera, / me da leche merengada, / ¡ay! qué vaca tan salada, / tolón, tolón, tolón, tolón».

Seguro de que escribira a letra dunha canción de éxito, levoulla ao músico, quen, nun tris, fixo a partitura, e o comisario regaloulle unha chocalla para acompañar o tolón, tolón nas actuacións en directo. García Morcillo presentouna na sala J’air de Madrid e a orquestra tivo que repetila toda a noite. Aquela semana cantábaa España enteira, en Xibraltar fixeron unha versión en inglés, e en Francia converteuse nunha canción infantil que competiu con Frère Jacques, dormez-vous? O comisario Jacobo Morcillo escribiu outra canción, tamén disparatada, que dicía: «El dedo gordo del pie / por la punta del zapato / feo y chato se te ve», e repetiuse o éxito.

Custa entender que un comisario de policía nos anos máis duros do franquismo fose letrista de semellantes cancións, pero está claro que sen a loucura da Guerra Civil, que o levou a infiltrarse entre os anarquistas para escribir os discursos de Durruti e boicotear os seus proxectos, ir á División Azul e ser escolta de Muñoz Grandes, aquel home moveríase como peixe na auga no mundo da farándula. El foi quen lanzou ao mundo da canción ao fillo do xinecólogo da súa muller, un rapaz longueirón e fraco que se chamaba Julio Iglesias.

Con varios anos de atraso chegou a España a canción cómica colombiana El caimán porque as autoridades temían que os versos «se va el caimán, se va el caimán» fosen utilizados pola oposición como sátira contra Franco. Acertaron; a canción politizouse e foi un exitazo. Por iso, despois do visto recentemente na sesión de investidura ocórrenseme outros vellos títulos divertidos para optar a canción do verán 2019: A lo loco, Cabeza hinchada, Morena, Carrascás, Carrascás, qué bonita serenata, O tiroliro ou El garrotín. Seguro que a maioría votaría El garrotín.