Cristian Toro ou Anna Boada

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

02 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns meses, Anna Boada anunciou a súa retirada do piragüismo. Ten 26 anos e unha medalla de bronce do Mundial pendurada do pescozo. Portaba tamén toneladas de esforzo, sacrificio e frustración. Moita presión e estrés. Moita esixencia que bailaba entre o eido persoal e deportivo sen ter en conta os lindes, porque nas paixóns, os límites son lixeiros, difusos.

Escribiu unha carta para explicalo. Crebóuselle a voz mentres a lía porque é moi duro sufrir dese xeito e confesar que non podes máis e non es quen de seguir.

«Anna abandona o deporte por unha depresión», foi o titular común.

Contouno para avisar, para previr. Pero unha voz non é suficiente e a historia case se repite. Case.

Quen abandona agora o deporte é Cristian Toro, campión olímpico, curiosamente do mesmo deporte ca Anna, e case coa mesma idade: 27.

Necesita descansar, carece de motivación. O estrés e a presión ao que o someten é brutal. E el asegura que, se lle quitan todo, non é el. E, coas paixóns, un ten que ser un mesmo, ou non se sostén. Hai que amosarse verdadeiro, íntegro. El precisa o deporte, pero tamén a familia, os amigos, o estudo. Vaia, que é humano.

Segundo a RAG, a depresión é un estado psíquico caracterizado por tristeza, cansazo e desánimo, que pode ir acompañado de ansiedade.

Só se me ocorreu a min pensar que podía ser algo así? Porque nos medios non aparece nada disto, só que Cristian quere e decide reorientar a súa vida.

Paréceme un tratamento ben distinto para dous casos con moitas similitudes.