Soños sen tabaco

OPINIÓN

Oscar Vázquez

01 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se tivese que medir a forza de vontade ao longo da miña vida, sospeito que na escala dos méritos salientarían os intentos para deixar de fumar, que non foron poucos até que o conseguín, agardo que definitivamente. Xa sabemos que Groucho, con respecto ao tema, dicía que deixar de fumar era o máis doado do mundo, porque el xa o deixara miles de veces. Vén isto a conto porque o outro día, no paseo de Barraña, vin dous turistas parados diante dun deses carteis Praias sen fume da Consellería de Sanidade. Axiña puxen a antena porque a muller avisaba o home de que el non ía poder fumar na praia, algo que o alporizou e lle fixo xuramentar polo alto. Non leron a letra miúda, talvez por estar en galego ou por preguiza. Pero se o fixesen comprobarían de que só se trata dunha campaña para concienciar contra o tabaquismo. Con todo, o resultado funcionou, porque no cartel o cigarro está cruzado por unha raia en vermello dentro dun círculo branco, algo que crea o efecto disuasorio dun sinal de prohibición, acerto, sen dúbida, dos publicistas. Non vou amosar a miña solidariedade con quen fuma, aínda que sei que a cada volta o ten máis complicado. O que está claro é que estamos a un paso dunha prohibición máis ca probable tamén nos nosos areais, algo que hai uns anos nos parecería imposible, como tamén lles parece agora aos máis novos o feito de que antes fumásemos dentro das clases, mesmo nos hospitais. Estou convencido de que os habitantes dun futuro non moi afastado ficarán abraiados coas películas en branco e negro esvaecidas de fume e entenderán que o noso era unha sorte de suicidio colectivo. E poida que teñan razón, mais eu, despois de vinte e cinco anos sen fumar, aínda contaminado por ese desexo, sigo soñando que fumo, mentres non me prohiban soñar.