A prensa e a sociedade

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

25 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre pensei que os medios de comunicación tiñan moito poder. Que podían dar ou quitar notoriedade a cousas e persoas. Que decidían o que paga a pena e o que non. Non é só falar dun tema ou calalo: tamén onde o coloques, o titular que elixas, que decidan poñerlle fotografía...

Lemos o xornal inconscientes de en que recuncho fixamos a vista primeiro, pero está todo estudado.

Por outra parte tamén penso que, en certo modo, se deben á sociedade, e traballan os temas que lles van facer ter máis éxito. É un equilibrio, aínda que non sei se está moi compensado, precisamente.

Tamén son consciente de que teñen a súa propia liña ideolóxica. Pero... ás veces aínda me desgustan certos feitos.

Saben quen é Marianne Vos? Seguramente non, porque non se falou practicamente nada dela. Cóntolles. É a actual campioa da proba feminina do Tour de Francia, un fito neste deporte. Por certo, ela é unha veterana: ten 35 medallas de ouro, 13 de prata e unha de bronce.

Imaxino que cada logro debe ser entendido coma unha proeza. Por iso, a rolda de prensa que deu ao saír vencedora desta proba do Tour debera ser unha festa. Ben o merece. Pero non foi tal. Porque un só pouca festa fai. E precisamente un é o número de xornalistas que acudiron ao evento.

Na sala de prensa só estaba Peter Cossins para cubrir a nova. Só un. Só el.

Grazas, Peter, por asistir. Máis grazas por denunciar publicamente a soidade coa que te atopaches.

De verdade que camiñamos cara á igualdade? Quen? As mulleres de xeito individual?