Soidade viral

OPINIÓN

22 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns cantos anos, cando as redes aínda non botaban lume, vin dous mozos enviándose mensaxes mentres compartían mesa e bebían un refresco nunha terraza. Naquela altura un podía entender que estaban en plena descuberta das posibilidades que lles ofrecía o móbil para se conectaren e o caso non pasaba de algo propio da idade e da absorción das novas tecnoloxías.

Con todo, ese día sospeitei que, dalgún xeito, eu ficaba fóra dese mundo porque non entendía que utilidade podía ter un teléfono entre dúas persoas que están tomando algo xuntas fisicamente. Se cadra, as emoticonos e as palabras amputadas poidan expresar mellor a mensaxe ca unha voz en directo. Pero moito me temo que aquela parella era o agoiro da estupidez en que agora estamos instalados. Sinto bochorno, mesmo vergonza allea, cando vexo persoas adultas exhibir dun xeito case pornográfico a súa vida, incluída a intimidade. Estas parvadas publicadas por veces desembocan na morte, coma o caso dese pai italiano que, por facer un directo en Facebook mentres conducía, vén de matar un seu fillo, deixando outro moi grave. Unha traxedia máis para engadir ao inventario das imprudencias dos que cren compartir algo máis cá súas propias frustracións. Onte mesmo, na praia, un neno pequeno andaba perdido e choraba mentres os pais, sentados na toalla con cadanseu móbil e alleos ao pranto do seu meniño de apenas dous anos, debían de estar a publicar os seus chíos na rede. O maior abraio veu cando o pai, sen asumir a súa irresponsabilidade, lle deu un azoute no cu ao cativo por se perder. Culpabilizar a vítima. Tampouco axudou a actitude da nai, que secundou a agresión e non soltou o móbil, porque talvez tiña algo máis importante que compartir: a súa soidade.