«Que alguén me lea un libro»

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

22 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A alcaldesa de Oia, unha pequena vila galega, decidiu poñer en práctica na vida cotiá dos seus conveciños o dereito á felicidade, que xunto co dereito á vida e o dereito á liberdade forma a tríade máis importante dos dereitos do ser humano, recoñecidos na Constitución dos Estados Unidos de América e na Declaración Universal dos Dereitos do Home…

Para levar á práctica ese dereito creou unha concellería e nela un buzón no que os veciños depositan as súas suxerencias para conseguir unha vida máis feliz. Na súa maioría son peticións sinxelas, fáciles de resolver: que poñan unha lámpada en determinado lugar, porque con luz a soidade sopórtase mellor, ou «que alguén me lea un libro, un pouco cada día, porque eu non sei ler»…

Esta última, a min conmoveume especialmente. Non pide axuda para os labores do fogar, nin sequera unha persoa para que a acompañe; pide que lle proporcionen durante un intre , «un pouco cada día», un pracer do que a sociedade a privou: o pracer da lectura: ese pracer de romper os límites do propio mundo, de enriquecer a vida vivindo outras vidas, ás veces gozando sen máis do son das palabras, aínda que non as entendas : «Verde que te quiero verde, verde viento, verdes ramas”… E o mundo faise máis grande e ao mesmo tempo máis próximo.

Oxalá que a alcaldesa, a quen desde aquí felicito, poida proporcionarlle un lector ou lectora a esa veciña. Libros, téñao por seguro, nin os escritores nin os editores imos permitir que lle falten.