Terraplanismo

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Leah Millis

19 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O meu amigo Ezequiel decidiu que xa que estaba en Terranova, Canadá, iría visitar a illa de Fogo. El, curioso por natureza e coleccionista de datos, tiña que ver en persoa unha das catro esquinas do que os seguidores da Sociedade da Terra Plana (The Flat Earth Society) consideran que é o mapa do mundo. Ensinoume as fotos do lugar, co seu cartel explicatorio, e entón comecei a cuestionar o feito de que realmente cremos o que queremos crer.

Si, hai unha sociedade de verdade, con orixes no século XIX, que segue coa teoría de que a terra é plana. Ten seguidores fanáticos, sinceros defensores do terraplanismo. A Sociedade da Terra Plana, fundada a mediados do século XX, naceu para investigar esta «teoría» a nivel internacional. E a pesar de tódolos avances da ciencia e da información, a sociedade aínda segue activa, ben activa: mesmo celebran unha conferencia anual. Internet, a rede, fixo da súa verdade un movemento global.

Os polémicos chíos do presidente dos EUA desta pasada semana, non deixan de lembrarnos que estas teorías que negan os avances da sociedade seguen vixentes. No caso de Trump, a teoría é que tódolos problemas do seu país teñen a súa orixe na inmigración, e por iso hai que loitar contra ela. Defender esta teoría é tan absurdo coma defender que a terra é plana. Especialmente nun país levantado por inmigrantes. Pero, por desgraza, esa teoría semella ter máis apoios dos que parece, non só nos EUA e Europa. Coa rede estamos facendo destas «verdades» movementos globais que rematan cos seus líderes na cúspide antes de levarnos á fin do mundo que, segundo a Sociedade da Terra Plana, seica está no muro de xeo da Antártida....