18 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se Miguel Delibes levantase a cabeza, el, que tanto estudou a nosa historia, sorprenderíase do curso que segue a actualidade en España. Sorprenderíase de que esteamos de novo partidos en dous, que o que pensa distinto sexa inimigo e que o «pensamento único» maltrate e vulnere as azaleas da nosa democracia. Delibes redactou, con prosa de pavo real, Los santos inocentes. Mario Camus, mudando e tonsurando partes da novela, levouna ao cine. Para os que non leron a Delibes e viron a película de Camus queda unha frase percutindo na voz de Paco Rabal, Azarías na obra de ficción. Murmuraba Azarías: «Milana bonita». Un sintagma pleno de cariño por un paxaro que se torna decisivo na trama. O adxectivo é común entre nós. Pero a corrección política quixo tamén eliminalo. Dicirlle «bonita» a unha muller xa pasou a ser considerado innobre. Aínda que o verdadeiramente innobre é pronunciar tal adxectivo con paternalismo, desprezo ou soberbia. Non quero nin imaxinar qué pasaría se Feijoo, Casado ou Rivera lle chamasen bonita a algunha das mulleres que lles pregunten. Serían acusados do peor. Porén, se a vicepresidenta do Goberno emprega o mesmo termo con evidente paternalismo, desprezo e soberbia, non pasa nada. Mesmo a señora Calvo patrimonializou o feminismo. O feminismo é socialista, quixo dicir e dixo: «El feminismo no es de todas, no, bonita, nos lo hemos currado en la genealogía del pensamiento progresista, del pensamiento socialista». O resto somos infames machistas. E repetiuno hai dous días. Resulta tan humillante para a democracia esta superioridade moral que exercen algúns que convén ir parando. Este camiño só conduce ao abismo. Se Miguel Delibes levantase a cabeza...