Orgullo?

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

11 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Detesto a intolerancia. Escribo, digo, proclamo, alzo a voz contra os intolerantes. O sectarismo, que tanto dano fixo á España do século XX, é un cabalo desbocado que non coñece mesura. Nos oitenta España espertaba dun pesadelo. Contra Franco escribín o meu último libro e escribiría mil. Non coñecín o seu goberno infame. Pero sei del. Contáronmo os libros e un veciño que militaba na clandestinidade no Partido Comunista. Tamén un homosexual que xa non vive. Era meu amigo, Juan. Vivín con el e percorrín as rúas de Benidorm, cando o Mediterráneo fervía de emoción e candor supremos naquela España resucitada. Imaxínome qué pensaría do que está a suceder estes días grises nos que a intransixencia, outra vez, avanza. Qué pensaría dos que proclaman tolerancia e foron capaces de botar dunha manifestación, a golpe de insultos, a un grupo de persoas que acudían ao acto. Libremente. Son demócratas. Pertencen a un partido co que non simpatizo. Pero si simpatizo coa liberdade. A súa e a de todos. Pero non quedou o orgullo pisoteado pola barbarie da intolerancia unicamente. Foi intensificada, en declaracións públicas horas antes, pola voz dun ministro que nin sequera pide desculpas despois de actuar como un hooligan do seu partido e non coma ministro. Parece que os homosexuais son só de esquerdas. Ata diso se queren apoderar: a condición sexual. Viva a liberdade, grito unha vez máis. A liberdade dos que se negan a aceptar que pensar distinto é unha ofensa. Dos que non se cren en posesión da verdade absoluta. Dos que detestan o pensamento único. Viva a liberdade de Juan, meu amigo. Se levantase a cabeza diría que o seu orgullo, en tempos difíciles, nada tiña que ver con este.