Límites para todos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

11 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre se dixo que aos nenos había que poñerlles límites, que son necesarios e eles mesmos os buscan, nesa intuición que os axuda a emprazarse no mundo. Pero non só os nenos precisan límites. Todos deberiamos ter claros cales son os nosos.

Volve ocupar portadas, debates, telexornais e demais espazos informativos o caso de Julen. Son casos tan dolorosos que intento afastarme un chisco deles e escoitalos na distancia, coma quen non quere oír máis. Pero é imposible, algo do que me decatei cando, de súpeto, oín á miña nena dicir: «Pero están outra vez co de Julen?».

De socato un lóstrego púxome o corpo dereito, en alerta, e mireina. «Non acaba nunca», insistiu, antes de volver ao dela.

Non empezou a primaria sequera. Non tiña nin que saber quen era Julen. Pero sábeo. Sabe quizais moito máis do que eu imaxino, porque os nenos, que buscan límites, tamén andan coa antena posta todo o día para localizar precisamente os lindes, as estremas.

Non temos límites nós. Queremos saber máis. Queremos saber todo. Tamén as leas internas que teñen agora esas dúas familias, marcadas eternamente pola desgraza.

Esa noite vixiei que o sono da miña nena fose tranquilo. Quero que durma e viva feliz. Á mañá seguinte erguinme cedo para ler a prensa. Julen ocupaba un bo espazo. Tamén o caso Alcácer, que tanto conmocionou. E os avances na investigación do caso Desirée.

Encolléuseme o corazón. Todos queremos saber. Tamén é necesario aprender dos problemas alleos. E axudar e apoiar. Pero, créanme, hai límites.