A homeopatía: un timo?

Xosé María Torres Bouza
Xosé María Torres FIRMA INVITADA

OPINIÓN

08 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns anos visitei Perú cun equipo da TVG para gravar unha reportaxe sobre proxectos de cooperación de ONG galegas. Guiados por un dos líderes da etnia asháninca, que habita en Selva Central, na Amazonía peruana, visitamos na conca alta do Urubamba un pequeno poboado de chozas de madeira. Pola noite -so iluminada polo resplandor da fogueira- asistimos a unha cerimonia onde se ía consumir ayahuasca, unha planta tropical con usos medicinais e máxicos, que pode producir incluso alucinacións.

Pero a pesares da miña predisposición a experimentar novas sensacións ou levitar, non notei nada, máis alá de escoitar as incomprensibles conversas dos nosos hóspedes na súa lingua. Normal, non consumín a bebida (porque non nola ofreceron, eh!)

Cando me falan de homeopatía lembro sempre aquela non-experiencia. Como pode producir un efecto algo que non tomas? Ou que si tomas, pero que non contén nada? Porque diso trata a homeopatía, de producir un efecto farmacolóxico, tomando algo que só contén auga -nos produtos líquidos- ou amidón ou lactosa, se o produto está en comprimidos. Como sabemos, a homeopatía foi formulada como terapia alternativa por Samuel Hahnemann, un médico xermano, en 1796. Desde aquela os medicamentos homeopáticos prepáranse diluíndo fármacos 10, 100 ou incluso máis veces; o resultado é que se analizamos o preparado, non se detectan nin trazas do fármaco. Pero é efectivo, segundo os seus adeptos.

Maxia? Por que tanta xente confía nesa terapia? En primeiro lugar, porque hai licenciados en Medicina, perfectamente autorizados que prescriben estes medicamentos; despois, porque nas farmacias os medicamentos homeopáticos, de venta libre e prezo medio-alto, representan unha axuda na súa economía, maltratada en España con centenares de medicamentos máis baratos que unha caixa de chicles; e finalmente, porque os pacientes cren que con eles mellora a súa saúde. Non é unha razón banal: a Ciencia explica que moitos fármacos teñen un efecto placebo polo cal se cremos que un produto nos vai facer ben, haberá máis posibilidades de que nos cure. É o mesmo resultado que se dá cando un paciente é atendido por un médico de prestixio; ao saír da súa consulta, a posibilidades de mellora da enfermidade -ou de crer que mellorará- son moito maiores que se un é atendido por un médico con mala fama.

O efecto placebo dáse en moitas patoloxías, en especial as ligadas ao sistema nervioso: ansiedade, nerviosismo, insomnio... Pero tamén en síntomas como a dor, a febre, e moitos outros. Por iso a homeopatía é un asunto complexo, con posturas contrapostas: deben prohibirse estes produtos, xa que son unha fraude ou deben permitirse, xa que non causan dano? Dicían os clásicos que in medio virtus. Pero é a equidistancia a solución? Hai colectivos científicos, como FarmaCiencia, que abominan deles, dicindo que non son máis que unha expresión do pensamento máxico.

Por outro lado, en España e na Unión Europea, onde están comercializados como medicamentos, cal é a súa regulación?. Porque aquí está a clave do problema: a maioría destes produtos están rexistrados na Axencia Española de Medicamentos (AEMPS) desde hai anos, pero sen cumprir os tres requisitos implantados en EE.UU., Europa e Xapón desde os anos sesenta -desde a catástrofe da talidomida- para calquera fármaco: calidade, seguridade e eficacia.

Para tratar de dilucidar algo sobre a súa eficacia, punto clave, o Real Decreto 1345/2007 (conforme á directiva europea 2001/83/CE) obrigou á revisión destes produtos, fixando un cronograma con seis prazos para que sexan avaliados pola Aemps, cuns requisitos mínimos marcados na orde ministerial de 30 de abril do 2018.

Por iso, por non cumprir as obrigas esixidas, o Ministerio de Sanidade ordenou recentemente a retirada de 66 medicamentos homeopáticos. E así seguirán no futuro, na miña opinión, moitos outros, que tal vez pasen a ser considerados produtos sanitarios ou complementos alimenticios, como moitos outros comercializados hoxe nas farmacias. Pero non medicamentos, unha categoría reservada a produtos serios, non a substancias máxicas.

Más información