Reparar a memoria

OPINIÓN

05 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Agochadas no fondo do estante había ducias de videocasetes que contiñan todo tipo de tesouros. Quedei mirando para elas: e que fago con isto? Había concertos meus dos anos noventa, e eu, que prefiro non mirar atrás, pensei: e se me desfago delas? Eu xa non son «aquela»...

Pero alí, coas dos concertos, había tamén unha serie de cintas que poñían «A casa do meu pai», e lembrei que «aquela» tiña un proxecto en mente que nunca levara a cabo. Quería contar a historia do proceso de facerse cunha tumba no cemiterio de Armariz, pois cando morrera meu pai non tiñamos sitio para enterralo. Durante meses gravei o proceso da miña familia para conseguir un nicho dos antigos para o Dositeo. Incluso gravei a un dos seus amigos, o Redondo, facendo a reforma completa da «casa do meu pai»: limpando a tumba vella, ensanchando o espazo para un cadaleito grande, achaiando as paredes, colocando os mármores.

Aínda que non as quixen ver, de súpeto lembrei o importante que fora ese proceso para min. Era a miña propia memoria histórica da inesperada morte de meu pai. Era o meu obituario particular.

Hai un ano que o diario The New York Times comezou unha nova sección dentro das necrolóxicas chamada Overlooked (algo así como ‘Pasadas por alto’), na que pretenden reparar o feito de que a meirande parte dos obituarios escritos no diario dende 1851 foran dedicados a homes brancos. A historia escríbese de mil xeitos; honrar aos mortos é un deles. Aínda que eses mortos morreran hai máis dun século, recuperar a memoria dos ignorados para ser capaz de entender a situación actual é algo necesario para poder reparar as pequenas grandes fendas que están a rachar o mundo.