Rulfo e Cela

OPINIÓN

21 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O chamado realismo máxico débelle moito ao escritor mexicano Juan Rulfo, que foi quen acertou a recrealo e vigorizalo ao xustapoñer con acerto motivos reais e fantásticos do seu mundo orixinario, como fixo na novela Pedro Páramo e nos contos de El llano en llamas. Así veu acreditalo o feito de que gañase o premio Príncipe de Asturias das Letras 1983, concedido por un xurado presidido por Pedro Laín Entralgo e composto por literatos de sona como Gonzalo Torrente Ballester, Miguel Delibes, Emilio Alarcos Llorach e Alonso Zamora Vicente. Un feito que desmentía a suposta reticencia dos escritores españois respecto dos latinoamericanos.

Por certo que Rulfo xa estivera en Oviedo o ano anterior (1982) como xurado do propio premio Príncipe de Asturias e explicara nunha conferencia as razóns do seu silencio literario e do seu entusiasmo pola antropoloxía. Pero o máis sorprendente foi o seu coñecemento dos escritores españois, entre os que destacaba a Camilo José Cela, que fora recibilo ao aeroporto asturiano. O mexicano dicía ver no escritor galego un futuro premio Nobel de Literatura. O vaticinio cumpriríase sete anos despois, en 1989.

Lonxe da soberbia dalgúns escritores latinoamericanos, Rulfo era respectuoso e amable con outros escritores españois coma Torrente Ballester, Luis Martín Santos, Rafael Sánchez Ferlosio, Juan Marsé, Juan Goytisolo e Miguel Delibes. De certo, a literatura latinoamericana parecíalle «estancada» desde Gabriel García Márquez, ao que lle recoñecía unha fantástica habilidade para escribir primorosamente sobre calquera cousa.

Non tiña a mesma paixón -ou ningunha- polo seu endeusado paisano Octavio Paz. De feito, había unha conversa que se repetía ente Rulfo e Bryce Echenique cada vez que este ía velo a México. «¿Que tal está agora a cultura aquí, Juan?», preguntáballe Bryce. E Rulfo, irónico, respondíalle sempre: «A cultura en México descansa en Paz».

Rulfo era moi estimado e querido por críticos literarios e filólogos, que vían nel o fondo dun realismo máxico feito dunha autenticidade allea á artificiosidade. E así era. Quizais por iso nunca foi discutido, malia contar cunha obra tan curta… pero magnífica!