Oportunidades

OPINIÓN

Alégrome do éxito desa campaña de micromecenado a prol da estudante galega á que non lle chegaban os cartos para acudir á Universidade de California Berkeley, en Silicon Valley, logo de ser declarada bolseira. Desta vez, a solidariedade seica funcionou e a rapaza vai ter a súa oportunidade, pero todos sabemos que, malia que nos últimos tempos as cousas mudaron, non sempre foi así. E máis se botamos a ollada cara a atrás. Non hai moito conmovía a imaxe dunha nai afgá de vinte e cinco anos, sentada no chan cun meniño mentres facía a proba de acceso á universidade. Un non deixa de cavilar nos atrancos destas e outras mulleres para accederen a uns estudos que a outras mesmo lles son regalados. Lembro unha vez, nunha aldea da Pontenova, cando unha vella labrega me contou o libro. Contar, esa foi a palabra que empregou o fillo para animala. E ela, dereita coma un pau, deu en recitar de memoria un libro que aprendera na escola. Fiquei abraiado, porque non lle supuña ningún tipo de estudos, perante este recital que durou máis de media hora. Despois souben a súa historia. Disque era lista coma un allo e mesmo foi facer a proba do bacharelato a Lugo, subida nun burro e acompañada polo mestre que, para influír no tribunal que a ía examinar, lle pagou, a xeito de mecenado, un peiteado de salón. E, chegado o momento, moitos rapaces da cidade riron do seu aspecto aldeán, mais ela respondeu decorrido a todas as preguntas e deixou asombrado o tribunal.

Por desgraza, as súas circunstancias persoais non lle permitiron seguir os estudos. Iso si, ese día en Lugo sempre o gardou na memoria coma un título, igual que as palabras orgullosas do seu mestre que, logo de asistir ao seu exame cravado, díxolle que escusaban gastar os cartos no peiteado.