A muller sen medo

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

12 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ofogar é o lugar máis probable onde as mulleres poden ser torturadas, violentadas sexualmente e asasinadas, segundo un informe de ONU-Muller de 2017, que anota unha media diaria de 137 feminicidios no mundo. Sen dúbida, houbo moitos máis nesta epidemia sen parangón. Mulleres que foron previamente torturadas até o salvaxismo. Vaia como exemplo o caso, citado no devandito informe, dunha salvadoreña cuxo marido violou durante tres días e rematou prendéndolle lume.

Estes días lembramos a dous milleiros de seres humanos implicados en feminicidios en España desde 2003: asasinos e asasinadas a partes iguais, punta do iceberg estatístico ao que deberían sumarse os asasinatos de prostituídas e as vítimas colaterais. Falamos de seres humanos castigados pola súa condición feminina e estas nosas cifras sitúannos entre os países do mundo con importantes taxas de feminicidio. Catorce son de América Latina e o Caribe (doce asasinadas cada día) ou México (nove diarias), até totalizar 2.795 en vinte e tres países da rexión, segundo cifras oficiais do Observatorio de Xénero da CEPAL, tamén en 2017.

Ou se toma en serio a violencia machista ou imos camiño de máis violencias. Estamos fronte a unha psicopatoloxía social de tal magnitude que require dun pacto como os que se fan en tempos de graves conflagracións. Hai que recoñecer, dunha vez, e con todas as consecuencias, a guerra aberta e frontal contra as mulleres.

É urxente unha reacción internacional conxunta, forte e eficaz perante o novo terrorismo global. Contra os terroristas non pode haber contemplacións: perségueselles, condénaselles e esíxeselles que entreguen as armas. Necesitamos garantías para a paz entre seres humanos de diferente sexo. Sermos compañeiros, non inimigos. Termos igualdade de oportunidades e accións positivas para superar o desequilibrio en cuestións de equidade. Vivirmos sen medo, desmontando, dunha vez, a cultura patriarcal que consolida o reparto inxusto de funcións, roles e traballo: somos a man de obra gratuíta no doméstico; descualificada e manipulable, no mercado laboral. Non damos chegado ás altas esferas onde se manexan, de verdade, os asuntos importantes: a economía, a investigación ou o desenvolvemento. E os corpos das mulleres deveñen en campos de batalla para a violencia sexual ou a compravenda de úteros. Temos que conseguir que os asasinos cesen o lume. Que depoñan as armas. Que se entreguen e que se negocie unha tregua. Porque ao terrorismo non podemos deixalo trunfar.

Hai agora sete anos que Eduardo Galeano fixera a despedida da súa vida pública en Galicia. Demostraba que ser home e feminista é coherente e necesario. Deixou dito que hai asasinos que proclaman: «Mateina porque era miña (…) pero nin os máis machos dos supermachos confesan que as matan por medo, porque o medo da muller á violencia do home é o espello do medo do home á muller sen medo».