Os nosos nichos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

A mesma tarde que soterramos á miña madriña alguén me dixo que aquel era un cemiterio moi bonito. Por unha parte non me sorprendeu, porque o é. Pero, por outra, saltou unha alarma. É curioso falar deste xeito dun lugar así.

Nos cemiterios desgarrámonos e atopamos paz. Eu así o sinto, algo que compartimos moitos. É habitual, nos núcleos máis pequenos, facer visitas asiduas ao cemiterio. Ela mesma, a miña madriña, ía a el a diario. No camposanto está o que fomos e o que seguimos sendo. O que perdemos e o que perdura.

Quizais para alguén foráneo resulte extravagante a relación que mantemos os galegos coa morte, pero é unha parte da nosa cultura da que non podemos despegarnos. Hai moito misticismo, moita lenda, pero tamén moita naturalidade.

Algo que, por certo, con tanta urbanización, tanta globalización, tanto emigrar polo mundo, se está perdendo. Pero os que xa non somos nenos acudimos de cativos a dar un pésame, agardamos na porta a que un familiar entrase nun velorio, preparamos ramos no Día de Todos os Santos, soubemos cando as campás tocaban a morto, funeral ou cabodano e, por suposto, enterramos un gato, un can, un paxariño ou un rato de campo. Nós ata lle fixeramos unha caixiña como cadaleito e cubriramos a tumba na terra con flores de moitas cores.

É por iso que entendo a preocupación de moitos veciños que teñen problemas pola xestión do seu cemiterio, tamén aqueles que aforran puntualmente para ter un nicho en propiedade.

Quizais hai quen non o entenda. Quizais. Eu si.