Catro pés e unha trabe

Víctor F- Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

26 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A cultura de Occidente sostense sobre catro pés e unha trabe. Falo da cultura de Occidente porque quero falar de Europa e das súas proxeccións históricas: as Américas sobre todo, mais tamén esas novas Europas (Australia, por exemplo) que, coas súas luces e as súas sombras, nacen da pegada europea. Os catro pés son: a tradición xudeo-cristiá, a memoria do Oriente próximo, a cultura clásica grecolatina e a pegada xermánica e anglosaxona. Literariamente, a primeira está representada pola Biblia, a segunda polo mundo marabilloso das Mil e unha Noites, a terceira polas lendas e os cantos homéricos (a Ilíada e a Odisea) e a cuarta polo mundo artúrico (Os cabaleiros da taboa redonda). Sobre estes catro pés, que son catro universos míticos, catro xigantescos relatos fundacionais, constrúese o discurso cultural e mesmo político que arestora habitamos. A trabe, tamén podemos dicir espiñazo, é o Camiño de Santiago.

  Se observamos a evolución da cultura e do relato europeo ao longo dos séculos veremos que todo o que vén despois son variantes, combinacións máis ou menos brillantes dos distintos elementos fundacionais: dende Shakespeare a Cunqueiro, dende Malory a Pamuk, dende Cervantes a Thomas Mann, Kafka ou Dostoyevski. Todas as traxedias fratricidas están en Caín e Abel, todas as vinganzas na cólera de Aquiles, todas os soños imposibles en Perceval e Galaad… E quen di literatura di pensamento e transformación, aparentemente distantes e non obstante derivadas das fontes primeiras: a Reforma Protestante, a Revolución Francesa, a autodeterminación das repúblicas americanas, a utopía comunista, a metodoloxía do coñecemento científico… Luces e sombras, repito. Monstros da razón e da sinrazón, pois tales son as facianas da condición humana. O Camiño (ou camiños) a Compostela son a trabe, o espiñazo con que, a partir do ano 1000, a Europa que rexorde das cinzas do Imperio Romano elabora e, en gran medida, reconstrúe o seu discurso co guieiro da Cristiandade, e mesmo exporta ás Américas.

Hoxe convócanos Europa, unha Europa que inevitablemente se transforma, como foi transformándose ao longo dos séculos na procura de si mesma, afincándose na súa tradición e na súa historia. Desa historia, non sempre pacífica, proceden os grandes logros que arestora gozamos: a democracia, por exemplo, a idea de liberdade, a igualdade entre todos os seres humanos (que inclúe igualdade de xéneros, etnias, culturas, crenzas relixiosas), o respecto ás diferenzas, a fraternidade solidaria, o valor da educación e o coñecemento, todo o que no seu momento se concretou na Carta dos Dereitos Humanos, que inspira o mellor da condición humana. Alguén pensará que isto existiu de sempre. Non é así. Por mais que algúns queiran vendernos outra cousa, hoxe tamén votamos futuro, a continuidade e mellora (crítica) do que somos.