A tortilla electoral

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

16 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é que me guste en exceso opinar de política, pero o certo é que me teñen desconcertada ultimamente. O que se coce nas altas esferas dos gobernantes é alta cociña. Pero ollo, que é moi diferente ser anfitrión, convidado ou estar ao cargo dos fogóns. Todo cambia. Todos cambian.

Casado mantívose meses a carón de Vox, porque estaban no extremo que máis se lle asemellaba. Pero achegouse á reunión da Moncloa e transformouse na moderación, e de súpeto quedou chantado no centro. Iso si, instou aos demais a axudar a formar un goberno que el considera estable, pois el non pode facelo. Ha!

Iglesias pasou de ser o máis combativo hai catro anos a volverse a discreción en persoa. De esixir a comentar con sutileza.

Rivera, pola contra, naceu como político proclamando cordialidade, asegurando ser o único capaz de facer de nexo entre dereita e esquerda. A concordia era a súa bandeira. Cambiouna nesta campaña pola ironía e o ataque continuo e non soubo apearse dela nin no último segundo. E Sánchez? Lembran o «no es no»? Ese que saía da súa boca a cada pouco, si. O que non lle permitiu nin tomar un café con Rajoy, porque non había nada que falar. Agora resulta que quere dialogar e volver ao bo talante do seu antecesor. E pretende que todos falen, propoñan e pacten. A dereita dividiuse e a esquerda uniuse. Na cociña da política a tortilla deu a volta. A de cada un individualmente e a do conxunto.

Son quen de recoñecelos? E eles a si mesmos? Son esta tortilla final ou os ovos antes de escachar?