A música de piano e orquestra delicadamente peiteando a alfombra na que repouso deitado. A luz. O recendo da marmaña sobre a herba. Un quérote inesperado. Un viño branco frío frío frío e con sabor a frescura, mazá e flores. Un aprobado cando esperabas suspender. Un suspenso en corrección política. O queixo con marmelo. As uvas de primavera. Stravinskii, por dicir algo. Un río transparente que corre entre árbores, chopos e freixos, mentres ti cres que es Heráclito e pensas que todo pasa e nada queda, que as augas mañá serán outras, que a existencia é un tránsito divertido e acabable. Mallorca en avión, un sábado calquera, e regresar o domingo cargado de sol e camisas con seda. Borges. Torrente Ballester, señor de Castroforte del Baralla y Villasanta de la Estrella. Non ler o que as modas piden que leas e ser capaz de escribir unha liña torta, curvada, en medio das liñas rectas do presente. Valle-Inclán. Recordar o olor de túa nai, cando a bicabas na fronte, e as súas caricias, os abrazos, tanto afecto que queda pendurado en toneladas, quilos e quilos, no mar da memoria que te abriga calquera noite de maio: somos o que soñamos. Os soños, precisamente. A melancolía gorentosa que pretende unha bágoa que ti non queres deixar caer. Esa bágoa, que cae. Tango, o meu can sabio e tan maior, que segue alegrándome as tardes mentres lemos xuntos unha nova novela de Landero ou Hidalgo Bayal. Berta, barricada contra todo e contra todos: defensa da alegría. As miñas nenas. As cousas que en verdade importan e algunha vez, sen querer, esquecemos. O meu amigo Paco Mariló contando historias que xa me contou mil veces nos últimos mil anos. Abrazarse. A vida. En maio, simplemente.