Volver ao centro

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

SIRO

Todos sabemos que Pablo Casado é, por idade, un home feito e dereito, pero de mentalidade infantil. Un rapazolo sen personalidade, que segue ao santón da súa devoción -San José María Aznar, o da ollada coma brasas que ninguen pode aturar, e que, por certo, desde a noite electoral seica anda con Wally- e, por necesidade, a un pecador de éxito como Núñez Feijóo, por máis que a diferencia ideolóxica entre un e outro modelos sexa notable. É a vantaxe de non ter ideas propias: pode adourar a Aznar e a Feijóo polas respectivas peanas e surrir de orella a orella, como se pasar da dereitona ao centro, dun día para outro, fose en política o máis natural do mundo.

Pode que Pablo Casado non o saiba, pero iso é demagoxia. O mestre Ortega explicouno claramente: «La demagogia trata de convertir a los ciudadanos en estúpidos cultivando su ignorancia y sus más bajas tendencias, el simplismo, el odio y el sectarismo, entre otros». De odios e sectarismo deu probas Pablo Casado na campaña electoral; de simplismo está a dalas agora.

Antes da debacle electoral, Casado e Abascal eran os Cástor e Pólux da política española, dous irmáns nados dun mesmo ovo de Aznar, obrigados a entenderse, porque, como dixo Casado a Jiménez Losantos nun programa radiofónico: «¿Para qué vamos a andar pisándonos la manguera entre nosotros, si apenas existen diferencias programáticas entre el PP y Vox?». E engadiu que Vox podería entrar nun goberno do PP, sen as liñas vermellas que se marcaron en Andalucía. A invitación fíxoa extensiva a Ciudadanos. Pois ben, despois da desfeita electoral e ante a próxima cita, Casado descobre que Vox é a extrema dereita, Ciudadanos a socialdemocracia, e el, envolto na bandeira do PP e baixo o lema «Centrados no futuro», proclama: «O centro son eu». Simplismo demagóxico foi equiparar a súa derrota á de Rajoy en 2008, cando Rajoy obtivera 154 escanos contra os 169 do PSOE e el 66 contra os 123 de Pedro Sánchez.

O peor da campaña de Casado foi o ataque permanente á figura de Mariano Rajoy, que a fichaxe de Cayetana Álvarez de Toledo, presentada por Casado como a Messi do PP, non fixo máis que agravar. Se Cayetana o acusara de todos os males do partido e de non saber combater o nacionalismo catalán, en campaña dirixiuse aos líderes de Vox para lles propor que se integrasen no PP, porque Rajoy xa se fora. Ata acusou a Núñez Feijóo de facer unha política lingüística «que no difiere esencialmente de la de cualquier nacionalista».

Rajoy, que ao deixar o cargo dixera: «Me aparto, pero no me voy» e prometera lealdade ao sucesor, cumpriu e pediu en Pontevedra o voto para o PP de Casado. Feijóo, que de boa gaña daría unhas chaparretas ao Casado, rapazolo irresponsable e lingoreteiro, coléao, límpalle as bágoas e os mocos, aconséllao e dalle azos. Non vaia ser o demo que se repita a hecatombe e o chamen de Madrid para desfacer o entorto. É sibilino.