Na política a estratexia do verbo é ben importante. Agora, o que é xa non é senón que foi. Vale isto para a culpa, os insultos e as mudas. Todo é variable, como diría Groucho, estes son os meus principios, se non lle gustan teño outros. Non pasa nada. Tanto ten a distancia que haxa entre unha palabra e outra, entre unha campaña e outra. O importante é usar ben o verbo. Os partidos políticos non se diferencian alá moito dun equipo de fútbol. Pódese mudar un ataque furibundo por unha estratexia máis defensiva. O importante é que as bancadas estean cheas e contentas. Curiosamente, acabamos de ver que os partidos que querían ocupar o centro xogaron ao ataque, e os que ocuparon os extremos xogaron á defensiva. Iso si, xa se nos anuncia que no partido de volta vai haber cambios e que o que foi xa non será. Veremos se vale con cambiar o verbo ou hai que cambiar o adestrador. Todo isto fai que lembre unha anécdota de hai uns anos en Boiro, onde o tempo verbal adoita mudar dun xeito ben curioso no caso do pretérito perfecto (andei por andín, por exemplo). Seica a inspección educativa fixo unha reunión de varios directores dos centros con nais e pais do alumnado para trataren un asunto de suma importancia no eido escolar. A discusión seica virou tensa e un pai, concelleiro, levado pola euforia do momento, empoleirouse no seu asento e, para lles dar autoridade ás súas teses, lembrou o seu currículo co verbo local: «Porque eu fundín a Asociación de A, fundín o Club de B, fundín o equipo de C…». Mentres erguía a súa morea de méritos fundacionais, o inspector, que viña da Coruña e non estaba ao tanto do desvío verbal, rosmoulle a unha das directoras que aquel home era un matón. E ela, estrañada, díxolle que só era un político.