Contra o discurso do medo

Luís Villares VOCEIRO DE EN MAREA

OPINIÓN

29 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A campaña de En Marea foi unha campaña feita de propostas fronte un permanente e maioritario discurso do medo. En Marea aposta pola construcción do futuro e as barricadas que utiliza son as da razón. Sempre mantivemos a idea de tecer a alternativa desde o voto construtivo que, sobre todo, evitase o retroceso nos dereitos sociais e a perda do autogoberno.

As galegas e galegos participaron nestes comicios e hai que felicitar a toda á xente que votou nunha situación de incertudime e co discurso do medo ampliamente instalado en case todas as forzas políticas. A polarización política actuou como máquina de presión e trasladou o debate lonxe dos problemas da cidadanía galega onde En Marea centraba as súas propostas, ausentes nos demais partidos.

Teño que agradecer a todas as persoas que, en circunstancias adversas, demostraron o seu apoio a En Marea, a todas as que escolleron a nosa opción e a todas aquelas que traballaron, colaboraron ou demostraron de calquera xeito o seu cariño. Esa é unha marea de xentes e afectos que non se deterá nunca. Houbo e sempre haberá dificultades cando se trata de devolverlle á xente o que merece. Pero nesa tarefa queda moito por facer e En Marea seguirá traballando no mesmo sentido, colocando os intereses da cidadanía galega por diante. Para que as que marcharon poidan volver, para que os que están non teñan que marchar. Para facer de Galicia un lugar con futuro onde apeteza nacer. Porque temos dereito a ser felices na nosa terra.