Aprender a reflexionar

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

26 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha xornada para reflexionar? O nome do día de mañá, no contexto do calendario electoral, é un título suxestivo. Aínda que na práctica non sexa exactamente un día de reflexión, a idea é ben inspiradora: imaxinades que pasaría se tódalas decisións importantes das nosas vidas puidesen contar cun día completo de reflexión?

Segundo a RAG, reflexionar é «centrar o pensamento nunha cousa e analizala detidamente», e, nun mundo no que as cousas semellan pasar a un ritmo radicalmente vertixinoso, ás veces é imposible atopar o tempo ou a enerxía para centrar o noso pensamento en algo concreto.

Esta semana, logo de ver o debate entre os catro homes que aspiran ao poder nacional, quedei enganchada á canle pública durante un chisco, e entón apareceu o programa Proyecto Arkano, liderado polo susodito rapeiro. O capítulo era unha profunda reflexión sobre as redes sociais a través das historias dos seus protagonistas: seis mozos e mozas do século XXI. Cun formato híbrido entre a divulgación, a crítica e a aprendizaxe, e cunha fermosa estética, moderna e interxeracional, o programa fíxome pensar no espazo que hai para a análise nos medios públicos e na necesidade que temos de iniciativas coma esta, que nos ensinen a reflexionar a través da conversa e da creación artística. Aprendín máis da sociedade co rapeiro Arkano que cos catro políticos xuntos.