Recuperar o xornalismo

OPINIÓN

21 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O principal medio de comunicación de masas segue sendo a televisión. De comunicación e de divertimento. Certo que as novas tecnoloxías, Internet fundamentalmente, amosan unha oferta moi variada, cada vez máis accesible, e as novas xeracións sobre todo están instaladas nestes novos fenómenos: as redes sociais, as propostas de ocio que chegan a través das plataformas dixitais, espazos novos de relación, que son tamén comunicación. Mais a televisión segue a ser o medio máis rendible para concentrar unha audiencia masiva arredor dunha proposta determinada, que, dadas as características do modelo (o mercado), inevitablemente tende ao espectáculo. E aquí estamos, en plena campaña electoral, discutindo sobre como e cando deben ser os debates.

Na procura (ás veces desesperada) de audiencias, porque hai que pagar as nóminas, os investimentos realizados, os custos de produción, os lexítimos beneficios do accionariado, etcétera, na procura desenfreada de audiencias, digo, a política acabou entrando na mesma dinámica. Ao final, o que conta é o espectáculo. Moi probablemente asistiremos nos próximos días a un deseño de representación teatral (oxalá que non de pista de circo), escrupulosamente pactado entre os protagonistas, onde cada actor representará o seu papel, na meirande parte dos casos totalmente previsible. Se acaso unha saída de ton, un exabrupto, algunha pancada por enriba ou por debaixo da mesa, intentará estimular o electorado (os espectadores).

Sinceramente, boto de falta o xornalismo. A fórmula máis cómoda é a que agora se impón: catro, cinco ou seis candidatos a colocar o seu discurso, coa esperanza de que se encirren entre eles e dese xeito suba a audiencia, as insercións publicitarias, o share. Dúas horas de rebumbio, ruído no canal, arrincadas enxeñosas no mellor dos casos, e ao rematar, se é que chegamos ao remate, todos para a casa practicamente igual que estabamos. Se é certo que hai un 40 % de indecisos, abofé que non sei que criterio van ter para decidir o voto. E ollo!, hai algún que non está na feira e, ao final, parece o máis listo de todos, porque non entra na batimbora. Ou vai de vítima, maltratado polos outros, malpocado.

Outra fórmula? Xornalistas competentes preguntando. Xornalismo que sexa quen de se poñer na pel (e nos intereses) da cidadanía, a voz das audiencias mudas. Unha selección plural, equilibrada, de preguntadores, a ver se desa maneira sabemos exactamente que oferta nos fai cada parte, que ideas poñen enriba da mesa, que proxectos de actuación (en todos os ámbitos, non só nos temas que interesan aos axentes do espectáculo). A televisión, repito, segue a ser o grande escenario da representación. Mais o xornalismo é o vehículo de intermediación necesario para que non nos conten outra película. Tamén é certo que, con sentido da autocrítica, outro día deberiamos falar de xornalismo.