Falemos de amor

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

16 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Alguén a quen quero moito repite a miúdo, demasiado a miúdo, que chegado o momento, se sabe que unha enfermidade terminal vai causar unha infinita dor ás persoas que o queren, preferiría quitarse do medio. E se non es capaz?, pregúntolle sempre. Nunca responde.

É difícil pedirlle a alguén que, nun xesto de amor, te mate. Porque matar é o de menos. O difícil é cargar a alguén coa certeza de ser quen de quitar a vida, aínda sabendo que con ela se foi o peso dun corpo que xa foi abandonado pola persoa que voou cando voaron as súas lembranzas, a súa razón, aquel que era. Pero ata que esa parella gravou o vídeo en que o home axuda a morrer á muller acabadiña na cadeira de rodas, a maior parte da xente cría que non se trataba de amor, senón dunha cuestión médica.

O amor é o sentimento máis humano, tanto que, cando queremos dar atributos de persoa a calquera animal, imaxinámoslle a capacidade de amar como amamos quen somos quen de palpitar, sorrir e vivir en virtude da vida doutra persoa sen a que non queremos nin podemos estar. Por iso clasificamos os médicos en humanos e inhumanos. Humanos, os que entenden isto. Inhumanos, os que cren que a vida é só un corpo. O mesmo facemos cos lexisladores, opinadores e políticos. Humanos, os que saben que, chegado o momento, non hai conceptos de corrección nin de moral cando quen amamos está cun pé fóra do mundo e nos enfrontamos a mil acepcións distintas da dor. Inhumanos, os que teiman en impor unha orde de mundo que é fácil cando afecta aos demais. Pero os demais, por iso, somos persoas. Persoas que sabemos o que é amar e pensar amando. E que por iso, tamén matariamos, e chorariamos no cárcere os nosos mortos, por fin tranquilos.