Algunhas leccións do «brexit»

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

14 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O peor foron as mentiras, verdades a medias, falsas expectativas, promesas que ninguén podía garantir e que, logo do referendo do 23 de xuño do 2016, case que ao día seguinte, os propios activistas da ruptura empezaron a recoñecer: que o que se prometía non era exactamente o que se prometía, que os datos non sempre eran de fiar, que o horizonte que se pintaba fóra da UE non ía ser tan feliz, nin tan inmediato, nin tan doado. Na carreira emocional que activou durante meses á opinión pública británica, apelando ás consecuencias dunha irreversible renuncia de soberanía coa conseguinte merma de capacidade económica e estratéxica por parte do Reino Unido, os profesionais da política (e non poucos medios de comunicación) foron construíndo un escenario ideal (mais ficticio) que cando houbo que concretar non respondía ao que se debuxara: maior liberdade comercial, crecemento acelerado das exportacións, mellora da calidade de vida, control da inmigración, liderado financeiro internacional…

Unha parte importante do discurso do brexit fundamentouse na afirmación de que «Europa nos rouba, atranca a nosa capacidade de actuación, imponnos unha cultura que atenta contra as nosas tradicións, obríganos a asumir custes económicos que poderiamos asignar a outras necesidades, os británicos non necesitamos da xente da outra beira do canal, os irmáns de América non nos han faltar agora, igual que viñeron a axudarnos nas grandes guerras de antano». En definitiva, un escenario que en ningunha das súas afirmacións se sostén, e o que é máis grave: que os que activaron a fogueira sabían que non se sostiña. Pero mandaban os intereses de grupos de poder, persoas e propostas partidarias, nalgúns casos tamén mediáticas: a ver quen saca máis tallada (máis troitas) na revolta do río.

O resultado é un espectáculo bastante impresentable, unha devaluación obxectiva da clase política, unha tensión internacional certamente desestabilizadora, e a confusión, inseguridade, unha enorme angustia na poboación (a xente do común) diante dos acontecementos, metidos todos nunha calella de difícil saída.

¿Por que traio este asunto á marea de hoxe? Porque hai tempo que estamos en campaña electoral. No caso do brexit, as mentiras, as falsas expectativas, as medias verdades foron construíndo un estado de ánimo, un horizonte emocional que, chegado o momento, se concretou nos resultados do referendo, moi xustiños, pero que na tradición democrática británica son moi relevantes: 51,9 % a favor e 48,1 % en contra da ruptura. ¿E agora que? Falo desta cuestión porque está moito máis próxima do que imaxinamos: as artes do engano, a impunidade das mentiras, a táctica de todo vale, a desinformación, o medo… Falo deste asunto porque, como di a nosa sabedoría popular, aquí parece que todo o mundo anda ao seu; menos eu, que ando ao meu.