A todos e a todas

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

13 abr 2019 . Actualizado a las 09:36 h.

Cando meu sogro andaba polos vinte anos, unha xitana botoulle unha maldición terrible: «¡Entre mujeres te veas!» E como non tiña máis que fillas e netas, en cada parto acordábase dela e repetía, magoado: «A xitana. A maldición da xitana!» Pode que fixese algo para romper o maleficio, pois remedios hainos: o do limón, o do arcanxo san Miguel, o do cristal de selenita e salvia branca, o da auga de rosas..., pero, como era de Cangas de Morrazo, digo eu que escollería o da auga salgada. Se o fixo, foille ben e, por fin, tivo un neto.

A min a maldición da xitana parecíame unha bendición porque, quizais polo exemplo heroico de varias mulleres da familia, era feminista sen sabelo, cando non se falaba de feminismo; e despois funo e sigo a selo conscientemente. Dei boa proba en Ferrol, en 1981, cando asistín á conferencia dunha amiga no Ateneo, arranxada por un colectivo feminista. O auditorio formabámolo trinta mulleres e eu, e todas ocuparon as butacas da banda contraria á que eu estaba, deixándome so, illado, coma se cheirase. Non me sentín ofendido e aquel mesmo día contei a anécdota entre risas, como a conto hoxe. Daquela circulaba por Ferrol a tradución pirata do Manifesto para a castración dos homes, da americana Valerie Solanas, que no 68 disparara e ferira gravemente a Andy Warhol, polo que chanceaba e recoñecía sentirme afortunado.

Mostradas as credenciais de feminista militante, podo dicir e digo que non se me ocorre outro xeito máis absurdo de empezar unha intervención pública que o saúdo «Boas tardes a todos e a todas», só xustificable no caso de querer excluír a unha parte do auditorio: «Boas tardes a todos e a todas, agás o gordo da terceira fila e a rubia da quinta». Se non hai excepcións, un «Boas tardes» abonda e ademais é o atinado. Sei que a «linguaxe inclusiva» supón no falante unha actitude política contraria á linguaxe sexista e iso está ben, pero non todo vale porque o politicamente correcto pode ser, gramaticalmente, aberrante. Compromiso e calidade non son incompatíbeis na arte da palabra. Poeta comprometido era Uxío Novoneyra e cando escribiu Os Eidos léullelo a Ramón Piñeiro e Manuel María, que quedaron marabillados. Piñeiro quería edítalo xa, pero Uxío negouse porque debería facer aínda moitas lecturas en voz alta para depurar cada verso, cada palabra. Tanto o demorou que Manuel María publicou antes Terra Chá e as novas xeracións poderán pensar que foi o libro de Manuel o que inspirou a Uxío.

O labor de Uxío, Borges, Machado, Rosalía, Lorca, Dieste, Juan Ramón Jiménez, contando, medindo e pesando cada voz, cada fonema, nada importa á clase política que di admiralos. Só desde o desprezo ao idioma e o menosprezo aos grandes creadores do idioma pode alguén vindicar, sen pudor, a palabra «portavoza». O de «a todos e a todas» non está a ese nivel, pero chégalle ben. Ademais o uso continuado dos dous xéneros pode levar ao dislate. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, nunha recente homenaxe ás vítimas galegas do Holocausto, despois de tanto «todos e todas», «amigos e amigas», «compañeiros e compañeiras», embalouse e rematou pedindo aos familiares que non marchasen porque ían facer unha foto «todos e todas, xuntos e xuntas». Non fago mofa. Metidos nesa vertixe, pódelle pasar a calquera.