Reflexionar e debater

Rafael Louzán Abal PRESIDENTE DA REAL FEDERACIÓN GALEGA DE FÚTBOL

OPINIÓN

10 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xestionar un club de fútbol modesto representa en moitos casos un auténtico exercicio de supervivencia. Como presidente da Real Federación Galega de Fútbol son moi consciente das dificultades que teñen que afrontar os directivos para sacar adiante a actividade diaria dos seus respectivos clubs. Todos, absolutamente todos, realizan un labor encomiable que nunca recoñeceremos o suficiente. Problemas deportivos, problemas económicos, problemas de xestión diaria… e nos últimos anos tamén un enorme problema engadido, que é a xestión de determinados comportamentos dalgúns pais e nais que enfocan de maneira errónea a actividade deportiva dos seus fillos e fillas. Messi hai un só. Cristiano, outro. Pero vendo as actitudes dalgún parece que teñamos un Messi ou un Cristiano en cada casa.

Desde a RFGF queremos poñer en valor o traballo de todos. Clubs profesionais, modestos, os que teñen unha grande estrutura, os que só contan cun equipo, os que apostan polo fútbol base, os que o fan polo fútbol veterano, ou polo fútbol sala... Dá igual. Entre todos formamos esta gran familia do fútbol galego. Unha familia que sitúa a Galicia como a primeira comunidade autónoma de España na proporción número de licenzas de fútbol segundo a poboación, con case 100.000 licenzas con só 2,7 millóns de habitantes.

Entendo a preocupación que teñen aqueles clubs que, pola súa localización, teñen moitas dificultades para conseguir os rapaces ou rapazas suficientes para sacar un equipo á competición. E que cando teñen algún futbolista que destaca enseguida se atopan coa situación dunha marcha a outro club con maior estrutura e posibilidades. Non é esta unha situación nova. Sucedeu sempre. Practicamente todos os clubs sofren situacións similares porque sempre hai alguén con máis posibilidades que pode fichar a un dos teus futbolistas. É unha situación de difícil encaixe legal. Trátase dunha cuestión máis de tipo ético, pero iso non implica que non nos preocupe. De feito, foi un tema tratado no Comité de Fútbol Base, sen posibilidade de acordo entre os clubs, precisamente debido a esa dificultade de lexislar unha situación que depende claramente da vontade dos pais.

Somos conscientes da preocupación existente porque son os propios dirixentes os que nos trasladan esta cuestión nas moitas reunións que mantemos con eles en todos os puntos de Galicia. E será un dos grandes temas a tratar nunha próxima reunión do Comité de Fútbol Base antes do inicio da próxima tempada. Como nos gusta facer, escoitaremos a opinión de todos para valorar posibles medidas, aínda que pouca marxe de manobra temos desde a Federación. Non obstante, considero que é necesario un foro de debate no que todos (clubs, directivos, técnicos e federación) poidamos reflexionar sobre esta cuestión que con tanto acerto nos achega estes días La Voz de Galicia e que tamén considero que debe ser tema de análise na Real Federación Española de Fútbol.