A mínima cortesía da disculpa

X..L. Franco Grande SOLEIRA

OPINIÓN

01 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen teña unha cultura mínima non pode descoñecer que a conquista, polas armas, e a evanxelización pola fe e pola cruz, e pola Inquisición, dos indíxenas americanos foron actos de verdadeira barbarie, crimes contra a humanidade, ben documentados, entre outros, por Bartolomé de las Casas, pouco sospeitoso de parcialidade. Como é ben coñecido, son moitos os países que pediron perdón polas atrocidades cometidas no exercicio abusivo do seu poder: Alemaña, Francia, Bélxica, Canadá, e só en casos moi concretos e limitados, Gran Bretaña, EE. UU. e o Vaticano. Como crimes contra a humanidade, eses feitos non prescriben, polo que pouco importa que teñan ocorrido hai 500 anos, lapsus semellante ao que transcorreu dende a expulsión dos xudeus polos Reis Católicos, o que non impediu que Felipe VI, o 30 novembro do 2015, lles pedise desculpas aos xudeus sefardís, porque a nosa historia, dixo, ten sido «tan dura en tantas ocasións». O papa actual, tamén no 2015, en Bolivia, pediu desculpas pola complicidade da Igrexa nos salvaxismos da conquista; e Pablo II, polas responsabilidades daquela no comercio de escravos africanos. Pero aquí, como de costume, somos máis papistas que o papa. Menos aínda se comprende que o Goberno rexeite «con toda firmeza», moi ofendido, a suxestión de Obrador que con tantos antecedentes conta no mundo civilizado. Mala cousa que non saibamos, ou non queiramos, facer xustiza, pero peor aínda que tan negados nos manifestemos para a cortesía dun acto de mínima simpatía. Infelizmente, aquí somos diferentes. «A por ellos!» é, ou parece ser, o que nos define.