Un conto de Cervantes

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Cando o Instituto Galego de Estatística anunciou, en 2011, que nos últimos dez anos baixaran os falantes monolingües en Galicia -moito os galegofalantes e un pouquiño os castelánfalantes-, eu vin positiva aquela tendencia ao bilingüismo en ambos os grupos porque entendo que o dominio dos dous idiomas, o bilingüismo perfecto, debe ser a nosa meta ideal. Despois, en 2017, souben que oito de cada dez alumnos residentes en Galicia recoñecían o galego como lingua materna, e iso fortaleceu o meu optimismo: por fin unha xeración non tiña o galego por inferior ao castelán.

O malo foi cando empezaron a chegarme datos que logo a Real Academia Galega confirmou: o 55 % dos galegos con idades entre 5 e 65 anos exprésanse sobre todo en castelán, e o 30 % son monolingües nesa lingua; falan máis galego que castelán o 44 % e só un de cada catro é monolingüe en galego. Entre os maiores de 15 anos, os galegofalantes son hoxe seis puntos menos que en 1992, e os castelanfalantes medraron trece. En resumo: a opción «máis galego» cae e sobe a opción «máis castelán».

E cando estaba lambéndome as feridas chegou a Galicia o secretario xeral de Vox, Ortega Smith, e declarou a este xornal que o idioma castelán ten que estar protexido por ser un vehículo da unidade de España, e non se poden consentir «los apartheids lingüísticos que, también en Galicia, se pretenden levantar».

Apartheids lingüísticos en Galicia, con datos que demostran o proceso de relevo do galego polo castelán nos últimos anos? A miña nai, que era moi refraneira, dicía: «Vergonza perdida, unha ansia fóra». É certo; por iso os líderes de Vox non senten pudor ao mentir e sementar demagoxia. Nin tampouco Inés Arrimadas, a líder de Ciudadanos, que non quixo perder comba e lanzouse nun chío en Twitter contra o presidente Núñez Feijoo e o PP, cos mesmos argumentos de Vox: «El PP no solo ha pactado siempre con nacionalistas, también les sigue copiando: Feijoo exige el gallego como requisito obligatorio para ser profesor».

Arrimadas demostrou descoñecer a política galega, as resolucións da Unesco sobre a educación en países plurilingües e o labor de xeracións de homes e mulleres por dignificar o noso primeiro idioma. Aínda resoan na memoria dos vellos as consignas do franquismo: «Hable bien. Sea patriota. No sea bárbaro».

As intervencións de Ortega Smith e Inés Arrimadas fixéronme lembrar, por disparatadas, o capítulo 25 da segunda parte do Quixote, no que dous rexedores dunha mesma vila saíron á procura do burro dun deles, perdido no monte. Como os dous eran mestres na arte do orneo, acordaron ir cada un por un lado do monte e ornear para atraer o animal, pero sempre remataban encontrándose, e, admirando a habelencia un do outro, non repararon en eloxios: «Ahora digo -dixo o dono- que de vos a un asno, compadre, no hay alguna diferencia, en cuanto toca al rebuznar, porque en mi vida he visto ni oído cosa más propia». «Esas alabanzas y encarecimiento -respondeu o outro- mejor os atañen y tocan a vos que a mí, compadre; que por el Dios que me crio que podéis dar dos rebuznos de ventaja al mayor y más perito rebuznador del mundo».

Esa cortesía é o que boto de menos nas recentes intervencións en Galicia dos líderes de Vox e Ciudadanos.