Poeta e cidadán


O 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, Galicia acudiu á cita con varias celebracións, unha delas desenvolvida no salón de actos da Real Academia Galega. Alí homenaxeamos a causa poética na persoa de Salvador García-Bodaño (Vigo, 1935), voz de poeta moi importante desde que, en 1967, publicou Ao pé de cada hora, o seu primeiro volume, un libro xa maduro. A súa voz seguiu cantando e consolidándose ata hoxe mesmo.

Teño a sospeita de que o día 21, na rúa coruñesa Tabernas, número 11 (sede da Academia), estiveron presentes as mellores musas da poesía para homenaxearen a un poeta que sempre escribiu como poeta mesmo nos textos, moitos, en que fala como cidadán doído ou inconforme. Aquel lugar coruñés, ateigado de letraferidos e letraferidas, foi -penso eu- o epicentro galego da causa poética durante hora e media. Déronse cita, nesa conmovedora xornada, música (Miro Casabella), a prosa dos estudosos (un deles, Arcadio López-Casanova) e o recital dos versos do escritor homenaxeado na voz de compañeiros e compañeiras da Academia (Luz Pozo, Helena Villar, Franco Grande…). Tamén recitaron, coa debida paixón, voces non académicas, voces novas que interpretaron moi desde dentro os versos de quen, desde hai bastantes anos, xa é un clásico (Dores Tembrás, Alba Cid, Baldo Ramos). Escritora nova foi tamén a excelente coordinadora deste acto literario-musical: Andrea Porto.

Quen queira acceder aos textos lidos, recitados e cantados nese 21 de marzo, consulte o coidado e delicado volume que a Academia publicou co título Horas de Compostela. SGB, en edición de Marilar Aleixandre, secretaria da Sección de Literatura da institución. O volume, de 62 páxinas, tamén acolle, dalgún xeito, o espírito e a emoción da homenaxe.

No acto, eu glosei un poema rosaliano do escritor, Rosalía Castro, campesiña na eternidade, aparecido en volume, no ano 1978, no libro do autor Tempo de Compostela. Co título Cántico prá túa soedade que se ergue como unha bandeira, foi presentado e premiado nos Xogos Florais de Betanzos en agosto de 1971, aínda Franco imperante. Xa naquela versión, o noso poeta chamaba a Rosalía «compañeira do meu pobo», vocativo conmovedor e certo. Eses e outros versos deste gran poeta cívico pasaron a alfándega do xurado porque dous dos seus membros, desafectos ao réxime (así se dicía daquela), fixeron valer a feitura literaria do texto. Tratábase dun xuíz de Chantada e dun catedrático de Literatura do Instituto Masculino de Lugo. O mesmo aconteceu co magnífico poema de Ánxeles Penas Novas follas de dor pra Rosalía.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Poeta e cidadán