Rapaces fumando e bebendo

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

césar quián

20 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Acabamos de coñecer a nova sobre o aumento do consumo de porros (cánnabis), o descenso da idade de inicio no mesmo e a práctica legalización deste estupefaciente. Tamén a prevención de expertos polo aumento da dependencia e dos danos cerebrais que ocasiona, sobre todo nos adolescentes. Pero a pesar do temor ás drogas clásicas ou novas, a sociedade segue a mostrar unha absoluta despreocupación por dúas das máis destrutivas e xeneralizadas: alcohol e tabaco. Moitas xeracións pagaron caras as consecuencias da adicción a elas, por razóns tan insensatas como «facerse máis homes». Empezábase a fumar moi cedo, seguindo na maior parte dos casos o exemplo do pai e practicando aquel curioso lema de que «o home que sabe fumar, bota o fume despois de falar». Deste xeito, acabábase por coller un vicio, moi difícil logo de abandonar.

Ninguén informaba con claridade sobre os inmediatos e futuros danos, pois fumar estaba ben visto socialmente e mesmo o facían os profesionais da sanidade. A moitos custounos un ímprobo esforzo abandonar este hábito, logo de decatarnos do gran deterioro que produce, non só a longo prazo senón tamén na actividade cotiá. Algo moi parecido veu ocorrendo co alcohol, droga de grande aceptación social e tamén asociada, ata non hai tantos anos, coa masculinidade. Empezábase máis tarde ca hoxe a beber pero logo, case sempre de xeito inconsciente, adquiríase unha dependencia de consecuencias funestas para a propia persoa e o seu contorno.

Tense avanzado moito, tanto no eido normativo, coa prohibición de fumar na maioría dos locais, da venda de alcohol a menores ou da publicidade, como a nivel informativo, con todo tipo de traballos e estatísticas que informan dos danos destas drogas. A pesar disto, a Sociedade Española de Cardioloxía alerta dun aumento de mozos de 14 a 18 anos consumidores de alcohol e tabaco, cun incremento das enfermidades cardiovasculares precoces. Tres de cada catro adolescentes consomen alcohol e cada vez máis cedo, pois xa hai moitos casos aos 12 anos. Manifestan non atopar outras alternativas para gozar e relaxarse, pero esta non é realmente a causa do problema, senón a excesiva permisividade familiar, o abuso das novas tecnoloxías e a falta de exercicio físico. A obsesión polos videoxogos, o móbil ou a televisión provoca unha vida sedentaria, que, xunto con alimentación irracional, non contribúe a crear a imprescindible motivación para o deporte e o afastamento das drogas. A metade dos alumnos do ensino obrigatorio soamente fan exercicio físico nas clases de Educación Física e a partir dos 16 anos a porcentaxe achégase ao 80 %. Con estes datos non é de estrañar que acaben fumando e bebendo de maneira incontrolada, o cal, ademais dos citados danos á saúde, terá tamén incidencia negativa no seu rendemento académico.