Drons, pizzas e seguros

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

19 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En datas recentes realizáronse en lugares afastados tres encontros tecnolóxicos con algo común: o Mobile World Congress en Barcelona, o CivilDRON ’19 en Madrid e o Foro Civil UAVs Initiative en Rozas, no Polo Aeroesopacial de Galicia. Neles todos falouse de telecomunicacións para os que deberiamos chamar VANTs (Vehículos Aéreos Non Tripulados, en inglés Unmanned Aerial Vehicles). Tamén nos tres lugares houbo unha extensión do «aéreo» ao «náutico»: aos VNNTs.

Os primeiros VANTs (inicialmente deseñados con fins bélicos) son de grandes dimensións e autonomía, voan ou navegan ata moi lonxe do posto de control en terra, teñen potencia e espazo dabondo para iren equipados con sistemas que lles permiten comportarse coma os vehículos tripulados, seguindo normas xerais de tráfico aéreo ou naval. Mesmo, polo tamaño, son perfectamente detectables polos radares das torres de control.

Posteriormente, co impulso dos motores eléctricos e as baterías de litio, desenvolvéronse uns aeromodelos que se profesionalizarían para incontables aplicacións. Segundo a regulamentación actual, han ter menos de 25 quilos de peso total (o propio e mais a carga útil) e manterse á vista do piloto en terra. Estas máquinas pequenas son as que presentan un problema de seguranza cuxa resolución non está nas mans dos técnicos, senón nas dos lexisladores e os funcionarios.

Sendo eses mini-VANTs (vulgo drons) inicialmente xoguetes, as Administracións responsables da utilización do espectro radioeléctrico decidiron permitir que usasen a banda de radio libre da wifi, orixinalmente deseñada para pequenas redes de área local. Por iso -como se falou nos tres eventos mencionados- enfrontámonos a unha situación insostible, a un caos que fai quimérica a idea do dron traendo á fiestra da casa unha pizza recendente: hai miríades de redes wifi por toda parte, as interferencias e os hackeos son imparables; os accidentes, frecuentes e mesmo graves.

Solución? O uso das estacións de radio celular da próxima xeración, a 5G, e mais a asignación dunha banda do espectro específica para os vehículos non tripulados. O problema? Que o sistema da 5G aínda vai demorar en instalarse e nunca poderá cubrir todos os voos; e que a asignación de frecuencias para mando e transmisión de datos a distancia precisa dunha harmonización europea, chea de burocracia.

Que previsión de tempo hai para conseguir que os VANTs e o VNNTs sexan seguros? Pregúnteselle ás compañías de seguros (valla a redundancia). Responderán que de agora a uns catro anos non se van atrever a aseguraren nada. Se non se acelera o proceso de asignación de frecuencias para drons, as pizzas seguirán chegando en moto.