O colchón de Sánchez


Como certeiramente afirma o presidente Sánchez na primeira páxina do Manual de resistencia, «as cuestións de intendencia antepóñense a case todo». Mesmo para condicionar a primeira decisión que como presidente adoptou, relativa ao colchón e á pintura da súa habitación na Moncloa. Unha afirmación non só certeira, senón premonitoria: ao fin e ao cabo o seu mandato rematou antes do previsto como consecuencia do rexeitamento pola maioría do Congreso do seu plan de intendencia para España, o proxecto de Presupostos do Estado para 2019.

Os primeiros presupostos de Sánchez, xa o sabíamos, levaban unha boa man de pintura. Así o manifestaron distintos organismos independentes, que estimaron os ingresos pintados entre os 8.000 millóns de euros (Banco de España) e os 11.000 (previstos pola independente e oficial AIREF). Unha man de pintura que a propia ministra de Facenda socialista recoñeceu (eso si, despois de ser rexeitados os presupostos polas Cortes) e concretou en 8.200 millóns de euros. Con estas cifras, o déficit público de España superaría o 1,3 % do PIB legalmente comprometido; superaría o 1,8 % previsto polo propio Goberno na súa frustrada senda de déficit; e chegaría ao 2,2 % do PIB. Todo elo pese a que, como tamén denunciou a AIREF, os orzamentos non só levaban ingresos pintados, senón que utilizaban en proveito propio o colchón do cómputo a favor da Administración do Estado de trece mensualidades de recadación do IVE, cando unha delas lle correspondería ás comunidades autónomas. Un colchón de 4.900 millóns de euros adicionais, dos que 200 lle corresponden a Galicia.

Porén, tras a convocatoria das eleccións, o Goberno está a impulsar a aprobación das medidas de gasto previstas nos orzamentos rexeitados polo Congreso (os venres sociais), obviando que eses gastos ían cubrirse, parcialmente, cos novos impostos incluídos no proxecto de orzamentos (suba do IRPF, do imposto sobre o diésel, sobre as transaccións financeiras, etc.). O resultado é que, a día de hoxe, esta longa campaña electoral do Goberno socialista está a elevar o déficit noutros 5.000 millóns, ata os 16.000: o 2,6 % do PIB. E iso a pesar de que o gasto incluído nos decretos ten outro colchón: nos orzamentos prorrogados, os presentados polo Goberno Popular, o ministro Montoro incluira un incentivo financeiro a favor das comunidades que cumpren os obxectivos de déficit: a condonación dos 85 millóns de euros que Galicia paga anualmente como consecuencia das liquidacións negativas derivadas dos malos orzamentos socialistas (en Galicia e en España) dos anos 2008 e 2009. Un colchón de 85 millóns que Galicia non percibíu no 2018, mais os 85 correspondentes ao 2019 que o Goberno socialista debería manter. Colchón que se fai máis confortable, a costa de Galicia, se, como consecuencia da regra de gasto e a inacción do Goberno de Sánchez, a Administración central, a diferenza do que está a facer cos concellos, se apropia dos 125 millóns de euros do superávit de Galicia no 2018 para reducir o déficit do conxunto das administracións públicas no 2019.

O colchón que Galicia aporta para financiar a campaña electoral do señor Sánchez é de case 500 millóns de euros, e non vai impedir que España volva a incrementar o seu déficit, o que resulta denunciable. O que xa resulta increíble é que haxa quen defende no noso país o cambio de colchón na Moncloa. Porque, efectivamente, como dí o candidato Sánchez no Manual de resistencia, as cuestións de intendencia antepóñense a case todo. Na Moncloa, por suposto. Pero tamén en Galicia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos
Comentarios

O colchón de Sánchez