Non se pode mentir

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

15 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentir está moi feo. Moi feo. E ademais non conduce a bo porto.

Non podo crer que alguén diga que en Galicia está excluído por falar castelán. E non o creo porque vivo neste país. E na rúa o 95 % dos nenos falan castelán. Os adultos que os acompañan tamén lles falan nel. Manter unha lingua viva con esta educación de base é moi complicado. O minoritario aquí, sen dúbida, é o galego.

Así vén sendo desde hai décadas. Por iso miña nai se viu na obriga de falar castelán para sobrevivir. Os meus avós fixeron esforzos inxentes para dirixirse ao poder e seren entendidos exclusivamente en castelán.

Isto provocou que o galego estivese a piques da extinción. Para recuperar a riqueza cultural que temos a sorte de posuír non nos queda outra que preservalo. É por iso que hai leis de protección ao débil, como sempre debe ser.

Cando escoito, fóra do meu contorno habitual, alguén falando en galego, eu mesma case non podo evitar volver a cabeza. E quen será? Porque, créanme, non é o habitual.

Convido a todos os líderes políticos a dar un paseo por vilas, aldeas e cidades de Galicia. E que escoiten. Que vaian aos bares, aos comercios, aos colexios, ao parque, ao médico... e analicen a situación actual. Despois, falamos.

Porque a realidade non corresponde co que afirma certa xente que pide socorro e amparo a partidos políticos por sentírense excluídas por falar castelán. Comezo a pensar que, xa que non están apoiados por dato ningún, o enfado se debe máis a un problema persoal ca a calquera outra cousa.