A barbarie

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

14 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A poucas horas de que comece unha nova xornada de competición futbolística, entre cicatrices, deixo ir os dedos como un réquiem entre as palabras deste xoves. Non falo do fútbol profesional, cénit de toda propaganda, senón do afeizoado. Mesmo podería restrinxir o contido desta columna a ámbitos máis minúsculos: benxamín, infantil. Os nenos divírtense, crecen, edúcanse practicando un deporte. Pola semana entrenan, motívanse, prepáranse para afrontar as súas ligas. E, de súpeto, cae a maldición de Lucifer sobre un campo deportivo. Non encontro mellor definición da barbarie: uns pais a puñadas, cabezazos (como cabestros), insultos, violencias nun partido de fin de semana. E que non falten os machistas. E que non falte a humillación da muller árbitra ou xogadora. Velaquí a España a garrotazos de Goya. A Galicia zafia que pintaba Risco nas súas andanzas de Celidonios e martirios. A ordinariez necia recobrada entre camisetas e nenos chorando. Esas noticias mancan. Toca nos campos do noso país, como unha lotería de agravios: a mezquindade feita substancia. Que non volvan entrar nunca máis nun recinto deportivo. Se me abochorna a violencia no fútbol profesional, os cánticos vulgares, as ameazas e broncas e disturbios, máis me abochorna que os pais duns nenos que están a xogar un partido repartan mamporros e desprezos. Qué asco. Qué indecencia. Mentres a campaña electoral discorre entre consignas, pola educación e sanidade e unidade de España, etc., a min preocúpanme as evidencias. Poucas cousas máis repugnantes, e ponzoñosas, que estes lobos que insultan a unha muller nun campo de fútbol ou os que se vulneran cabeza contra cabeza nun partido infantil. Son a barbarie.