Carta aberta a Pedro Sánchez

OPINIÓN

10 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Prezado Pedro:

 A inmensa maioría de galegas e galegos cremos na igualdade entre mulleres e homes, queremos estender os dereitos fundamentais e a xustiza social a toda a poboación e defendemos o autogoberno de Galicia.

O pasado mes de xaneiro o PP, para defender os seus pactos coa extrema dereita, posicionouse no Parlamento galego en contra destes principios, poñendo así os seus intereses de partido por riba dos dereitos da cidadanía. Ese non é o sentir maioritario de Galicia, por iso dende En Marea pensamos que o 28 de abril debemos dar pasos valentes que permitan amosar ao mundo que a verdadeira maioría social de Galicia é demócrata, feminista, progresista e galeguista.

As eleccións ao congreso son un espazo lexítimo de competencia entre forzas políticas en que a cidadanía coloca as súas opcións con proporcionalidade ás súas conviccións; o Senado, por contra, opera cun sistema maioritario que sobrerrepresenta á forza que obtén un só voto máis sobre as demais, creando a falsa imaxe dunha maioría realmente inexistente. Así, se as catro forzas políticas galegas obtivesen 27 %-26 %-24 %-23 % de votos, a do 27 % levaría 3 senadores/as, e o 73 % restante levaría só 1. Unha inxustiza democrática que lle leva reportado en Galicia ao PP pingües beneficios de 12 senadores de 16.

Fronte esta idea de lista máis votada, nós defendemos a lista de ideas máis votadas.

E a pregunta que che fago é: as nosas forzas políticas son representativas de ideas maioritarias entre a cidadanía de Galicia? Nós pensamos que si, pois portamos desexos comúns de igualdade, xustiza social e autogoberno. Co seu sistema electoral, o Senado premia a cooperación, o pacto e a construción de maiorías arredor de ideas centrais na sociedade.

Por esta razón propóñoche a constitución dunha plataforma progresista galega para o Senado que teña a igualdade, a xustiza social e a defensa do autogoberno como sinais de identidade.

Galicia é o ámbito idóneo para esta alianza, porque o Senado é a cámara de representación territorial, e poderíamos expresar conxuntamente a nosa vontade de desenvolvemento económico e cohesión territorial como país.

Tamén lembrarás que nesta lexislatura o Senado foi decisivo en clave social, porque o PP bloqueou o teito de gasto, impedindo así uns orzamentos máis sociais que creasen emprego de calidade e mellores prestacións a quen o precisaba. Esta proposta ten un precedente exitoso coa Entesa de Progrés, que durante tres lexislaturas aglutinou ás forzas progresistas de Cataluña e vertebrou o discurso arredor dos dereitos sociais.

En definitiva, trátase de que as ideas máis compartidas pola cidadanía galega sexan as que teñan unha representación maioritaria na cámara territorial do Estado, para que cando se fale en nome de Galicia se fale dun país feminista que cre na igualdade, o autogoberno e a xustiza social.

Sabendo que compartimos estes principios, emprázote a un acordo que combine a nosa diversidade co dereito que ten a xente a sentirse xustamente representada no Senado.