As mulleres na miña vida

Ángel Carracedo
Ángel Carracedo EN LIÑA

OPINIÓN

08 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se cadra, ese título (As mulleres na miña vida) causa un pouco de receo, pois é coma se eu tivese andado a mocear con moitas, e nada máis lonxe da realidade; pero o certo é que sempre tiven e teño a sorte de estar rodeado de mulleres.

Nas aulas de Medicina son case todo mulleres e non sabedes como gozo cos meus alumnos, a esas idades cheos aínda (e oxalá que sigan así toda a vida) de ilusión, curiosidade e vocación. No meu traballo asistencial destacan mulleres porque na Fundación de Medicina Xenómica fan un 80 %, e -como sempre digo- non podo máis que estar orgulloso delas polo seu traballo, a súa dedicación, a súa capacidade e o seu bo facer.

No labor de investigación a porcentaxe de mulleres no noso grupo é igual de alta, e están todos, elas e eles, con similares dificultades pola falla dunha estabilidade e unha carreira de investigación que lles está tardando en chegar. Tristemente, hai «igualdade polo baixo». Mesmo así, elas están prexudicadas pola propia e inxusta dinámica social que fai que sexan elas as que se ocupan da casa, a familia, os fillos, os pais vellos... e por riba investigar. Isto réstalles competitividade, se non en todos os casos -por fortuna- si en moitos. É dicir: seren mulleres e investigadoras resúltalles case heroico. Teñen por tanto todo o meu respecto.

Ás veces pregúntome onde están os homes. A familia Carracedo, con case o 50 % de cada xénero (un pouco máis mulleres, pois viven máis), ten un chat. As que escriben nel con asiduidade e en cantidade son as mulleres, mentres os poucos homes que poñemos algo non pasamos de palabras soltas, ou un paragrafiño como moito. Sempre me fixo moita graza un monólogo dun humorista americano que comparaba o cerebro da muller con caixas cheas de fíos que interactúan, en canto o do home está cheo de nothing boxes, caixas sen nada, nas que nos refuxiamos ou metemos de cando en vez (uns máis ca outros). Un pouco de verdade si que ten o conto.

E non podo finalizar este curto artigo sen falar das donas da miña familia, cheas de valores e loitadoras polos dereitos da muller (algunhas con profesións nas que o machismo aínda é imperante). Cómpreme salientar as miñas avoas, a miña nai e a miña muller, que renunciaron a tanto e mesmo sufriron polo feito de seren mulleres.

Espero que veñan tempos mellores e que a miña filla poida vivir nun mundo máis xusto, onde todos teñamos as mesmas posibilidades e oportunidades, e o mesmo dereito a sermos felices. Iso é o que realmente importa e para moitos de nós -particularmente para moitísimas mulleres- pasa, ineludiblemente, por facermos felices aos demais.