Non evocamos hoxe a don Ramón Otero Pedrayo polo feito de que o martes pasado, día 5 de marzo, fose, hai 131 anos, o día do seu natalicio. Sempre é patriótico (a cultura como patria) lembrar e gabar as grandes personalidades literarias sexan do país ou de fóra, porque os grandes -neste caso os grandes utilizadores da Palabra- son escritores sen fronteiras. Por se fose pouco, contamos cun novo volume de don Ramón, unha obra de 400 páxinas que acolle os artigos publicados en La Región, de Ourense, entre o 6 de setembro de 1958 e o 26 de novembro de 1960. O profesor Otero Pedrayo acababa de xubilarse como catedrático de Xeografía, na Minerva compostelá, circunstancia que aproveita o escritor para estar máis presente, mesmo nas páxinas que falan da actualidade, no xornal da súa provincia.
É don Ramón Otero o home que máis artigos escribiu no mundo? Era o que pensaba Castelao antes de 1936, afirmación que exhuma Maribel Outeriño no informativo limiar desta prodixiosa colectánea periodística. Sexa certo ou non, nunca batín cun artigo de don Ramón, dos centos e centos lidos, que non tivese dignidade literaria, en moitas ocasións extraordinaria. O mesmo acontece coas miles de cartas (miles, sic) de quen foi un epistológrafo grandioso e dunha riqueza literaria que era unha fartura. Non hai destinatario, por rutineiro que fose, nin tema, por protocolario que nos parecese, que non orixinase un parágrafo, unha metáfora, unha comparanza ou unha confidencia que ningún lector pode esquecer.
Don Ramón comparecía cada tres ou catro días nunha sección que titulou Del Orense antiguo (143 artigos), un Ourense no que evoca os seus vellos profesores, en que pousa a súa ollada sobre certos libros de onte ou antonte ou nos que conta feitos que, como os libros e os profesores, están no imaxinario de certas xentes. En calquera páxina está a cultura, a sensibilidade e o humanismo de quen, alén de todo isto, é dono das mellores palabras.
O volume que nos convoca titúlase Del Orense antiguo y otras colaboraciones, e é neste capítulo, uns cantos textos, nos que don Ramón se nos amosa coa súa mellor forza literaria, poética ás veces. Son, en boa parte, páxinas elexíacas, suscitadas polo pasamento de persoas que quixo e admirou, como Florentino Cuevillas, Gregorio Marañón e Ramón Cabanillas. As dedicadas a Cabanillas son un tesouro que agora, exhumadas, non ignorarán os eruditos.